Quere deixar de dar aulas en Xornalismo en protesto polo tratamento mediático á morte de Asunta Basterra

Aliás, o Colexio profesional de xornalistas de Galiza reclama unha lei que poña fin á "barra libre" con que se está a informar deste caso.


Carme Hermida Gulías, docente na facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, pedirá o translado a outro centro após o tratamento que a imprensa está a lle dar á morte da nena Asunta Basterra.

Segundo ela propia publicou na súa conta persoal do Facebook, "polas miñas mans pasaron todos os xornalistas formados antes do 'Plan Boloña'", pois Hermida Gulías imparte unha materia obrigatoria no segundo curso, Lingua galega oral. Impartía tamén Lingua galega, optativa de primeiro curso, a escoller entre esta e Lingua española.

"Despois de ver estes días a información que fan, ligada a comportamentos que veñen de atrás, tomei unha decisión". Anuncia de seguido que na vindeira reunión do seu departamento, o de Filoloxía Galega, pedirá que lle asignen docencia noutra facultade.

"Persoal e profesionalmente non teño forzas para investilas na formación de persoas que sei que van converter en seres morbosos, manipuladores, mentireiros, desprezativos, pagados de si mesmos e irreflexivos", explica a docente, responsabilizando as empresas de comunicación das prácticas que denuncia. Sermos Galiza púxose en contacto con ela para afondar nas causas que a levan a solicitar o translado. Porén, declinou facer declaracións. 

O Colexio de xornalistas de Galiza solicita unha lei que poña fin á "barra libre"

O Foro de organizacións de xornalistas, que aglutina entidades de todo o Estado e do cal fai parte o Colexio profesional de xornalistas da Galiza --de aquí en diante CPXG--, solicitou máis unha vez a aprobación dunha lei que poña fin "aos abusos" que se veñen comentendo no tratamento de novas como a morte de Asunta Basterra. "Nós non cremos na autorregulación e a realidade está a nos dar a razón", sinalou o decano da entidade galega, Xosé Manuel Pereiro, en conversa con este xornal. 

A reclamación non é nova, pois en 2010 presentouse en Compostela un documento redactado polos colectivos integrantes do Foro en que reclamaban un "consello" que vixiase polo cumprimento do código ético perante o "desprestixio" da profesión xornalística.

Considerou Pereiro que a día de hoxe o que existe na Galiza é "barra libre para facer o tratamento informativo do que goste cadaquen" e reclamou a creación dun organismo "independente e con capacidade sancionadora" que xa funciona no Reino Unido após un acordo das asociacións de xornalistas cos grupos parlamentares.

"As empresas enténdeno como unha medida partidista e cando pasan cousas como esta --a morte da nena-- hai moitos golpes de peito da sociedade, mais ao final nada cambia", subliñou o decano do CPXG. Acrecentou que "está claro que non se pode acusar de delitos sen probas e non se pode poñer en cuestionamento a presunción de inocencia".

Nun informe realizado polo Foro a respeito das informacións publicadas en relación ao accidente de Spanair o que constataron as asociacións de profesionais do xornalismo foi que "os programas da mañá non poden tratar temas informativos desta embergadura" pois, segundo explicou, ese tratamento é a causa dos comportamentos "máis tristes despois da traxedia da morte da nena, como ver uns energúmenos pedindo un linchamento contra unha persoa e gravándose cun teléfono móbil".