O tratamento informativo da morte de Asunta Basterra chega ao Parlamento galego

Unha proposición non de lei que defenderá o grupo parlamentar do Bloque insta a analizar o papel que os medios de comunicación están a xogar á hora de achegar dados sobre este homicidio cuxa vítima é unha menor de 12 anos. A formación nacionalista quere instar á Xunta a analizar de maneira pormenorizada este caso na imprensa e facer cumprir os códigos deontolóxicos.


O Parlamento galego debaterá a respeito do tratamento informativo que a imprensa está a lle dispensar á morte da nena de 12 anos Asunta Basterra Porto.

Aliás, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza (CPXG) e a facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela emitiron esta quinta feira un comunicado conxunto en que recalcan as "importantes eivas na calidade xornalística" que se deu nas novas publicadas a este respeito. Ao fío, fan un chamamento ás empresas de comunicación para que garantan a calidade informativa velando por "a veracidade das fontes, o seu contraste, a oportunidade da información e os límites impostos polo dereito á propia imaxe, á privacidade e á presunción de inocencia".

Debate no Parlamento 

Así as cousas, o caso chega á Cámara a través dunha proposición non de lei que defenderá a deputada do Bloque Carme Adán e que pretende instar á Xunta a analizar de maneira pormenorizada as informacións e as imaxes publicadas, así como a facer cumprir os códigos deontolóxicos referidos ás novas onde aparece o binomio violencia-menores. 

Ao fío, a formación frontista considera que debe ser apoiado o informe redactado polo CPXG no cal se inclúen até dez recomendacións para informar dos sucesos en que hai implicadas persoas menores de idade. Deses dez puntos, no caso de Asunta Basterra "foron vulnerados moitos", subliña Adán.

Un 'código' redactado a raíz dunha agresión a un menor en Boiro

O informe foi encarregado polo CPXG  ao Observatorio Galego de Medio a raíz dunha agresión acontecida en Boiro en outubro de 2007, cando un menos lle propinou "unha forte malleira a outro" no peirao da parroquia de Escarabote. Os feitos foron gravados en vídeo por unha terceira persoa, tamén menor de idade, empregando o seu teléfono móbil. Aos poucos días, medios de comunicación da Galiza, mais tamén estatais, penduraban das súas páxinas na internet o vídeo, "converténdose os medios nunha sorte de caixa de resonancia da humillación do agredido e da fachenda do agresor".

Aliás, o xuízo paralelo que a cidadanía enceta contra os supostos culpábeis --no caso de Asunta Basterra, contra a nai e o pai da menor, únicas persoas detidas polo de agora en relación co homicidio-- pode carrexar un endurecemento da pena a impor. Cómpre sinalar que na meirande parte dos casos como o de Boiro, onde a persoa agredida é menor, reclámase o encerramento d@s responsábeis como panacea "en detrimento doutras medidas punitivas que poderían ser máis axeitadas", di o CPXG.

Sobre a publicación de imaxes e alimentar a especulación

Así as cousas, as conclusións achegadas polo Observatorio Galego de Medios foron dez. Na primeira delas colócase en tela de xuízo a publicación de imaxes de menores ("feito xa de por si preocupante") sen garantir o seu anonimato utilizando métodos como a pixelación dos rostros, violando deste xeito o dereito á intimidade. A fotografía de Asunta Basterra foi difundida nos medios impresos, namentres os audiovisuais optaron por difundir imaxes tiradas do blogue que a pequena escribía. Só en contadas ocasións foi pixelada a cara da nena.

A segunda das recomendacións pasa por evitar o sensacionalismo e as especulacións sobre o acontecido "sobre todo nos titulares, que moitas veces non son máis que esaxeracións da realidade e que non engaden información relevante".

Na liña, a terceira das achegas feitas polo Observatorio insta a ofrecer información rigorosa e contrastada, sen orientar as respostas das fontes e sen alentar o 'amarelismo'. En cuarto lugar cumpriría non esquecer o dereito a non proporcionar información que asiste ás persoas implicadas nun suceso. Cómpre dicir aquí que Alfonso Basterra, pai da nena, foi 'perseguido' por un abelleiro de fotógrafos e xornalistas na véspera de ser detido.

Sobre colocar dados sensacionalistas e falar coa veciñanza

Non prolongar no tempo as informacións cando xa 'caducaron', estirándoa con titulares onde "dados pouco relevantes e que non achegan información se tornan o eixo da nova, esaxerando estes aspectos para que resulten atractivos" sería a quinta recomendación do CPXG. A sexta pasa por desbotar como testemuñas dun suceso destas características "fontes non autorizadas e que non son expertas", en referencia ás declaracións da veciñanza do lugar onde se produciron os feitos ou das persoas implicadas. 

Realizar unha análise profunda e contextualizada, non asediar a vítima e non realizar xuízos paralelos "ditando sentenzas" son as seguintes recomendacións achegadas no devandito informe, que pecha con aquela que reclama que non se publique sen consentimento ningunha imaxe que acompañe unha información sobre menores e violencia.

O Parlamento galego debaterá cantos destes dez puntos foron vulnerados no tratamento mediático que se lle está a dar á morte de Asunta Basterra e, no seu caso, instarán á Xunta a que faga cumprir ás empresas de comunicación os códigos deontolóxicos.