Preocupación polo futuro das Escolas de Artes e Superiores de Deseño da Coruña, Compostela, Lugo e Ourense

(Foto: EASD Pablo Picasso)

CIG-Ensino, crítica coa nova Lei de ensinanzas artísticas. O sindicato recoñece avances na tramitación da Lei mais considéraos “totalmente insuficientes” e amosa a súa preocupación polo futuro das catro Escolas de Artes e Superiores de Deseño da Coruña, Compostela, Lugo e Ourense 

CIG-Ensino recoñece que o texto da nova Lei de ensinanzas artísticas superiores que veu a luz verde no Congreso a pasada semana mellora algúns aspectos relacionados coas competencias das comunidades s e cos requisitos de integración nos novos corpos docentes que a Lei crea. Con todo, apunta, queda moi lonxe das demandas que a CIG-Ensino defendeu na única reunión da Mesa Docente estatal e que o sindicato trasladou, na fase de presentación de emendas na comisión de educación do Congreso. 

Un dos temas máis controvertidos do texto aprobado no Congreso “e que o Goberno se negou a pactar”, explican desde o sindicato nacionalista, é a decisión de que as Administracións educativas “promoverán a progresiva especialización destes centros” entre as ensinanzas superiores e as profesionais”, “algo que dada a realidade dos catro centros galegos (EASD Pablo Picasso da Coruña, EASD Mestre Mateo de Compostela, EASD Ramón Falcón de Lugo e EASD Antonio Faílde de Ourense) non ten ningún sentido”.

A CIG-Ensino propuxo que esta decisión quedase nas mans das comunidades, permitindo por tanto que se puidesen manter a simultaneidade dos estudos se non existe outra alternativa viábel. O sindicato, se o texto final non ten ningún cambio tras a tramitación no Senado, instará a Consellaría de Educación a manter ambas ensinanzas, profesionais e superiores, mentres non existan garantías absolutas de que non se vai ver afectada a oferta actual.

“Non estamos, desde a perspectiva da CIG-Ensino diante dunha cuestión sobre se é mellor ou peor que haxa separación en distintos centros ou simultaneidade, senón de manter unha oferta, tanto no total de ensinanzas como na súa distribución territorial”. 

A nova estrutura de corpos docentes

Os problemas causados coa tramitación da Lei de FP e os cambios de corpos docentes derivados dela non serviron para que o Ministerio rectificase na súa decisión de impor procesos de integración pechados e limitados, afirma o sindicato.

“Se ben é certo que na tramitación parlamentaria melloraron algunhas cuestións, mantivéronse algunhas decisións que a CIG-Ensino considera negativas (a oposición a manter un proceso de integración con carácter indefinido no corpo de mestres de taller), preocupantes (as novas atribucións para as direccións propoñeren a contratación de profesorado especialista ou visitante e designar directamente profesorado emérito), e de futuro incerto (a esixencia da titulación de doutoramento para o corpo de cátedras de ensinanzas artísticas superiores polo reducido número de docentes que poderán cumprir un requisito que non ten precedentes nos corpos docentes”).

Por último, e no que se refire a prazos, todo queda pendente dun posterior desenvolvemento da Lei, sen fixar data de entrada en vigor dos seus efectos máis importantes. Tras o paso polo Senado, está previsto que se aprobe definitivamente a Lei antes de rematar o mes de maio