Preocupación na 'raia' pola decisión portuguesa de pedir test de antíxenos para entrar no seu territorio

Fronteira da ponte internacional Tui-Valença nunha imaxe de arquivo (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

O vicedirector Uxío Benítez pide que traballadores e traballadoras transfronteirizas estean exentas de ter que presentar as probas negativas

O AECT Rio Minho vén de solicitar aclaracións inminentes ao goberno portugués pola súa decisión de solicitar un test de antíxenos negativo para poder entrar ao país luso por estrada a partir deste 1 de decembro incluso ás persoas que dispoñan do pasaporte Covid da UE.

A decisión vén de levantar moita preocupación no seo do agrupamento transfronteirizo que ve que, “unha vez máis, se ten tomado unha decisión de maneira unilateral sen ter en conta ás persoas que deben cruzar a fronteira todos os días para traballar, obrigándoas a un novo gasto”

Para analizar conxuntamente a situación e ver como afecta o territorio miñoto, en concreto á poboación e persoas traballadoras transfronteirizas, a decisión ratificada en Consello de Ministros Portugués o pasado sábado, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, Uxío Benítez, estableceu contacto co director do organismo transfronteirizo e tamén co presidente do agrupamento e da CIM Alto Minho.

De maneira inmediata decidiuse remitir sendas cartas ao Goberno da República Portuguesa para que clarifique a súa resolución que, textualmente, di: “determínase a aplicación, coas necesarias adaptacións, ás fronteiras terrestres, marítimas e fluviais das regras aplicables á entrada en territorio nacional por vía aérea”.

De maneira paralela ás xestións do organismo transfronteirizo AECT, Benítez púxose en contacto a primeira hora de hoxe tamén co delegado do Goberno español en Galiza e co secretario de Estado de Reto Demográfico, responsábel da Cooperación Transfronteiriza a nivel estatal, para trasladar a problemática e solicitar que dende o Goberno Español pidan explicacións e aclaracións a Portugal.

Segundo afirma Benítez, a decisión  do goberno portugués é un novo problema para os galegos que diariamente cruzan a fronteira para traballar.

Subliña a súa esperanza de que se teñan en conta como excepcións ás persoas traballadoras transfronteirizas, toda vez que cruzan a diario a fronteira e economicamente lles supón un quebranto facer un test cada día.

“Estamos expectantes ante a resposta de Portugal. Esta norma, que especifica que debe haber ‘as necesarias adaptacións’, se se aplica mal entendida pode xerar un perxuízo moi grande a todas as persoas que cruzan a fronteira. Sería un agravio que lles pidan o test”, indicou o nacionalista.

Insistiu en que a solución á pandemia non é fechar as fronteiras como xa se fixo en dúas ocasións coa raia do Miño -deixando 174 días os pasos terrestres cortados-, xa que crea máis disfuncións ás persoas afectadas nos territorio transfronteirizo tanto a nivel económico como persoal, e non inflúe a mellorar os resultados de contaxio.