Precariedade e abandono escolar: a pobreza lastra as oportunidades da rapazada

A pandemia mudou o traballo escolar e o acceso ás aulas. (Foto: Iñaki Berasaluce / Europa Press).
Seis de cada dez fogares con crianzas viron agravada a súa situación económica e social na Galiza a raíz da pandemia. Familias que xa arrastraban unha situación precaria empeoraron as súas condicións de pobreza e exclusión. Un risco que afecta directamente ás oportunidades de futuro da poboación máis nova.

Na Galiza previa á crise sanitaria provocada polo novo coronavirus, polo menos un de cada cinco nenos, nenas e adolescentes vivía nun fogar pobre segundo datos do Instituto Galego de Estatística recollidos pola ONG Igaxes. A pobreza familiar afectaba unhas 80.000 crianzas que medraron nunha situación de maior desprotección, que ademais de limitar os seus dereitos condiciona o seu futuro.

A pobreza familiar maniféstase na infancia e na poboación moza de moitas formas. Ten efectos no seu benestar físico e emocional. Canto máis precario se volve o contexto familiar máis presenza gañan factores inhibidores da aprendizaxe: medo, ansiedade, incerteza, mala alimentación, perda de contacto...

As súas oportunidades de aprender e de relacionarse parten dunha posición de desvantaxe que a pandemia veu empeorar. "A pobreza vívese agora con maior vulnerabilidade pola falta de recursos", asegura a Nós Diario Camilo Vila, técnico de inserción laboral de Igaxes. A ausencia tanto de apoios sociais como económicos fai que a situación sexa de extrema gravidade "por carecer de referencias e axudas para mudar as súas condicións de pobreza".

Abandono escolar

A pandemia agravou a situación da xente moza. "Dunha banda, minguou a socialización, escasa xa no caso da rapazada en risco de exclusión, e acentuou o individualismo". Cando existe unha rede social e familiar estábel, pódese chegar a manter por outros medios, aclara Vila, pero cando non a hai "o que pasa é que quedan sen ningunha relación".

A poboación moza viuse privada de estímulos positivos: espazos para socializar, mocear ou practicar deporte en equipo. "Todo iso desapareceu ao mesmo tempo que mudaron as condicións no ámbito educativo e formativo, con aulas espello ou semipresenciais" que acabaron por esgotar a mocidade que atravesa unha situación máis crítica.

Vin unha realidade coa que non contaba, onde a fenda dixital, que non se corrixe coa entrega dun dispositivo a quen non o ten, porque hai que darlle tempo para aprender a manexalo e acceso a unha fonte de enerxía para poder empregalo, mais a falta de cultura académica, de alguén que axude cos estudos, de algo tan básico como unha mesa para poder estudar desde a casa, derivou no abandono escolar de moitos mozos e mozas que chegado o mes de marzo non aguantaron o ritmo", recalca Camilo Vila.

Independencia económica

A ONG Igaxes traballa a diario con crianzas e adolescentes do sistema de protección de menores e en contacto coas escolas e coas familias en risco de pobreza e exclusión. Desenvolven programas de prevención e intervención, tamén en materia laboral. "O emprego é o único sustento", sinala Vila. Tanto para as familias con menores ao seu cargo, como para a xente moza cuxa única vía para alcanzar unha independencia económica é o traballo. "A idade de emancipación da mocidade en risco de exclusión sitúase nos 19 anos fronte aos 29 de quen goza dunha situación normalizada. E cando a necesidade aprema, aférranse a traballos nos que se aproveitan deles e delas, precarios".

Os datos de emprego, comenta Camilo Vila, son alarmantes nun contexto de exclusión. "Só un de cada catro rapaces e rapazas que queren traballar traballa. E nese 25% activo -32% no conxunto da poboación até 29 anos- é difícil atopar quen supera o salario mínimo ou quen resiste lonxe dun ERTE". 

Vila sinala un sistema perverso que "deixa con 500 euros a quen nunca antes tivo ingresos, adolescentes que poden pensar que lles dá para vivir, cando non é verdade". E saír de aí non é doado, engade.

Benestar emocional

Para Andrés Porto, educador social especialista en saúde mental, a pobreza é un dos maiores condicionantes sociais da saúde mental. "As dificultades económicas inciden directamente no benestar emocional. A pobreza ten consecuencias terríbeis, ás veces, tamén, a través das drogas a idades moi novas, cuxo consumo afecta á construción mental e ao futuro desa rapazada como persoas adultas".

A pobreza empeora as condicións de vida. Xera medo e inseguridade. "E cando un ten medo, a nivel cognitivo está á defensiva, fronte ao mundo, os estudos e o traballo", apunta Porto. "Desde o punto de vista da saúde mental, as consecuencias da pobreza tamén se miden en termos de tensión e agresividade, que as crianzas trasladan do seu contorno familiar a outras esferas da vida. E ante a falta de acceso a atención especializada, en termos de diagnósticos e sobremedicación. "Hai moito traballo por facer, moitas necesidades pendentes de atención e intervención", conclúe Porto.

Contra a pobreza social e emocional

A poboación en situación de pobreza ou risco de exclusión é dispar, incide Andrés Porto. "Non estamos ante un colectivo unido, con conciencia de grupo e capacidade para reivindicar por xunto certos dereitos. A pobreza non. Cada quen sobrevive como pode, por iso debe ser a Administración a que tome medidas" para evitar a pobreza crónica que interfire tanto no desenvolvemento escolar como nas oportunidades de futuro da xente moza.

A súa experiencia, persoal, mais tamén da man de Igaxes, confirma que unha intervención a tempo e ben planificada ofrece estímulos suficientes para acompañar e espelir as capacidades de quen atravesa momentos críticos en plena adolescencia, unha convivencia difícil na casa ou con necesidades de atención psicolóxica específicas. Os equipos especializados urxen recursos para incrementar os coidados, os coñecementos e as oportunidades de quen parte en maior desvantaxe.