Sen prazo para a reconstrución da A-6

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns. (Foto: Europa Press)
O Goberno español apela a cuestións técnicas para non avanzar datas.

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, eludiu esta segunda feira fixar prazos para a reconstrución da ponte de Castro na A-6 –ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro– derrubada en xuño de 2022 após coñecerse que se demolerá un novo viaduto. 

Miñóns, cuestionado polo tema na súa visita ao concello de Boborás (O Carballiño), esgrimiu que "xa son varias" as ocasións nas que explicou como está a actuar o Goberno do Estado no viaduto. "Tamén o explicaron os técnicos con transparencia", insistiu Miñóns.

"Considero que fronte o ruído [...] temos que actuar con rigor e é o que estamos a facer", expuxo o delegado do Goberno do Estado na Galiza apelando á "transparencia" e lamentando que priorice "este ruído" fronte a seguridade". Desta maneira, Miñóns eludiu dar prazos para a reconstrución total da autovía, insistindo na "seguridade e criterio técnico". "Así de claro", reiterou, engadindo que "non vai seguir facendo declaracións ao respecto"

"Total desinterese"

"Á vista dos cambios cos que opera o Ministerio de Transportes e da falta de concreción de cara á reposición da vía", unha representación do PP no Senado, no Congreso, no Parlamento da Galiza e nos concellos "máis directamente afectados" pola caída do viaduto do Castro na A-6, elevarán iniciativas para que as respectivas Administracións exixan que o Executivo estatal "aclare os seus plans, axilice os trámites e execute as obras" necesarias. 

Os populares consideran que "a falta de implicación e o total desinterese do Ministerio" para axilizar a reconstrución do viaduto está a "afectar gravemente" as persoas usuarias da A-6.

Responsabilidades

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu esta segunda feira depurar responsabilidades no colapso do viaduto, despois de coñecer a existencia dun informe previo que alertaba do posíbel derrubamento e "quere saber se o Ministerio fixo o suficiente" para evitalo. 

O documento, realizado en marzo de 2021, xa apuntaba a posibilidade do colapso, "o que parece confirmar que as obras de reparación chegaron tarde", afirmou Rego. O BNG incidiu na necesidade de coñecer "a verdade" sobre as causas do derrubamento e pide celeridade na reconstrución.