As prazas residenciais de cobertura pública na Galiza son 30% menos que no Estado

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun acto en xullo na residencia de maiores Torrente Ballester da Coruña (Foto: Xunta da Galiza).
O avellentamento progresivo da poboación galega —máis de 163 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20— obriga a dispor dunha rede de servizos que a Galiza está lonxe de lograr en determinados servizos e prestacións como é a das prazas en residencias de maiores.

O índice de envellecemento, calculado como o cociente das persoas de 65 ou máis anos entre as menores de 20, multiplicouse por catro na Galiza desde 1975 e supera a media estatal. Unha das derivadas desta situación é a necesidade de atender unha poboación cada vez máis avellentada. Un reto global ante o que a Organización Mundial de Saúde (OMS) situou como necesario dispor de cinco prazas en residencias por cada 100 persoas maiores de 65 anos de idade. 

Na Galiza, segundo os datos do Instituto de maiores e servizos sociais (Imserso), no seu informe de 2022, esa ratio é de 2,8. Precisaríanse máis de 14.000 novas prazas en xeriátricos para cumprir coa media fixada pola OMS.

Para alén dese déficit, hai outro a respecto da media do Estado e no que ten a ver coa cobertura ou financiamento público das prazas destes centros para maiores. No Estado, por cada 100 persoas de máis de 65 anos hai 2,6 prazas financiadas publicamente, mentres que na Galiza esa cifra cae até 1,8. Iso representa, aproximadamente, por volta de 30% menos.

E, segundo datos do propio sector das residencias privadas a través da análise de Inforesidencias, o custo dunha praza nestes centros na Galiza situábase en 2021 en 1.740 euros ao mes. A pensión media no país é de 1.065, 18% inferior á media estatal e a máis baixa do Estado após a de Estremadura. Unha contía que apenas permitiría pagar 60% do que custa esa praza.

Peso do sector privado

Un estudo elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) publicado en 2021 estabelecía que 79% das prazas residenciais nas entidades prestadoras de servizos sociais na Galiza eran de titularidade privada. Na categoría de prazas residenciais incluía aquelas ocupadas por menores en casas de acollida, por residentes en centros de maiores e por residentes en centros para persoas con algunha discapacidade.

Na súa comparecencia a segunda feira, 31 de outubro, na Cámara galega para dar conta do proxecto de orzamentos para 2023 da Consellaría de Política Social, a secretaria xeral do departamento, María Francisca Gómez, afirmaba que desas aproximadamente 22.000 prazas existentes na Galiza —e que en case 80% son privadas— a Xunta financiaba 14.000. Sumando tanto as de centros dependentes de diferentes Administracións e as sufragadas en institucións privadas.

Lista de espera

A Asociación Galega do Sector da Dependencia calcula que a lista de espera por unha praza con financiamento público é de aproximadamente 10 meses. A Xunta da Galiza situaba en menos de mil o número de persoas que no verán estaban á agarda dunha destas prazas. 

Porén, a deputada nacionalista Olalla Rodil cifraba a inicios desta semana o número de persoas dependentes, "e coa valoración feita", que agardaban na Galiza por unha praza en 4.000.

Os xeriátricos de Amancio Ortega e 76% de centros privados

 

En 2023 estarán operativas dúas das sete residencias de maiores (900 prazas en total) financiadas por Amancio Ortega, as de Lugo e Compostela, e que serán de titularidade pública. Así o anunciou a Consellaría de Política Social esta mesma semana, incidindo en que "pasarán a formar parte da rede pública autonómica".

A propia Valedora do Pobo advertía en 2021 á Xunta de que era unha iniciativa privada, Amancio Ortega, e non pública a que ía cubrir parte do déficit de prazas que tiña a Galiza. Na actualidade, dos 330 centros de maiores que hai na Galiza, 76% son de titularidade privada, seis puntos por riba da media estatal (70%). Por conseguinte, os de carácter público representan 24%, porcentaxe que no conxunto do Estado aumenta a 30%.