A Xunta deberá informar das mortes Covid en residencias

O Parlamento pide que se publiquen as cifras.
A comisión de Sanidade de onte no Parlamento da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera A comisión de Sanidade de onte no Parlamento da Galiza. (Foto: Parlamento da Galiza)

A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo grupo socialista para reclamar á Xunta que faga públicos antes do final de ano as cifras de falecementos de persoas con Covid-19 ou sintomatoloxía compatíbel en cada residencia da Galiza. Na mesma sesión non se aprobou outra iniciativa, do BNG, que daba ao Goberno galego o prazo dunha semana para publicar estes datos.

Durante a intervención, a deputada socialista Marina Ortega asegurou que "é de xustiza" que a Xunta presente estes datos tanto ante o Parlamento como ás familias das vítimas, dado que "non hai peor loito que pasar polo falecemento dun familiar sen ter todos os datos". Ademais, reclamou tamén que tanto a Xunta como o PP "se desculpen" ante as persoas usuarias das residencias galegas e coas familias das falecidas por Covid-19 por "mentir" e "esconder os datos do impacto da pandemia" nestes centros.

A iniciativa foi emendada polo PP para incluír que a Xunta debe facelo nos termos estabelecidos na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza do pasado mes de marzo.

Pola súa parte, o deputado popular Alberto Pazos Couñago garantiu a "vontade de transparencia" do Goberno galego, que é "absoluta", e recordou que a Xunta xa dixera que "os datos se darían unha vez cumprimentados os requisitos legais" en relación á protección de datos.

O popular tamén asegurou que o PP galego está a favor de facilitar estes datos "porque a opinión pública ten dereito" a coñecelos.

Pola súa parte, a deputada do Bloque Nacionalista Galego Olalla Rodil reprobou o Goberno galego que leve "dous anos utilizando todos os atrancos que tivo na súa man para non facilitar os datos de falecementos nas residencias desagregados por centros" e recriminou que non se aprobase a proposta nacionalista para que a Xunta tivese que entregar en sete días eses datos.

Paulino Campos, presidente da Federación de Familiares e Usuarios de Residencias e da Dependencia (REDE), critica o "escurantismo" da Xunta da Galiza ao non ofrecer os datos "desde o 30 de marzo de 2020" e asegura a Nós Diario que "o 53,5% das persoas falecidas nas residencias segundo os datos públicos non foron derivadas aos hospitais, o que demostra unha actitude neglixente e mesmo criminal".

Comentarios