Galiza, á cola en investimento na Primaria

Paula Prado, sobre a sanidade, "non é un problema de diñeiro, somos a envexa de España"

Paula Prado, ao fondo, na reunión do PP sobre sanidade (Imaxe: Cedida).

A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, reivindicou esta cuarta feira que a sanidade galega é "unha envexa en España e Europa", e "unha sanidade pública punteira" na que -remarcou- non se dá "un problema de diñeiro" senón de falta de facultativos.

"Desde o PP queremos pedir ao Goberno de Sánchez que abandone a folga de brazos caídos e que asuma as poucas competencias que quedan", esgrimiu Prado, quen, tras unha reunión con membros da Comisión de Sanidade do seu partido, urxiu o Executivo estatal a considerar a Atención Primaria como "unha prioridade".

Fíxoo no mesmo día en que SOS Sanidade presentaba no Parlamento da Galiza unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para reclamarlle á Xunta de Galiza unha maior dedicación de recursos para a Atención Primaria e que deixe atrás a época de recortes.

En concreto, Prado demandou actuar en tres cuestións que ve chave: cambiar o sistema de elección de prazas MIR, actualizar o sistema de acreditación de prazas e crear a especialidade de Urxencias.

Tamén se dirixiu ao Goberno bipartito da Xunta, a quen acusou de deixar marchar “moitos médicos” a Portugal, a pesar de que o orzamento dedicado polo Executivo galego á Atención Primaria era maior en 2009, último ano en que gobernou a coalición PSOE-BNG, que hoxe. De feito, o galego é o único do Estado que recortou en Primaria.

Fronte á "inacción" e "mentiras" da oposición, dixo, a Xunta "leva anos tomando medidas de reorganización e transformación", como o sistema de xestión da demanda, iniciativas de mellora da accesibilidade aos centros de saúde, a implantación de axendas de calidade, a publicación de carteiras de servizos ou a instrución que permite ao persoal de Primaria pedir calquera proba médica.

Salientou a creación dunha nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria.

Após as múltiples protestas do colectivo de médicas e médicos, Prado rexeitou que se poña o "foco" nos salarios dos facultativos -Alfonso Rueda, presidente da Xunta, asegurou que un profesional de Atención Primaria cobra 65.000 euros ao ano máis gardas- e avogou por centrarse no impulso de medidas que poidan contribuír a solucionar as carencias de facultativos.

En canto a como conciliar a súa afirmación de que a sanidade galega é unha "envexa" en España e Europa coas queixas que recolle o Valedor do Pobo sobre esta área ou o impulso da iniciativa lexislativa popular rexistrada esta mesma cuarta feira, lembrou as "miles" de probas e de persoas atendidas en centros de saúde e hospitais galegos.

Así mesmo, lembrou que o PP non nega que haxa problemas de persoal, pero insistiu en que a falta de médicos non só afecta á Galiza senón tamén a outros territorios do Estado.