SOS Sanidade Pública rexistra no Parlamento unha ILP para "revitalizar a Atención Primaria"

Momento no que SOS Sanidade Pública rexistra a ILP no Parlamento galego. (Foto: Arxina)
A plataforma denuncia o "desmantelamento" continuado da Atención Primaria e a sanidade pública galega.

A Plataforma SOS Sanidade Pública presentou na mañá desta cuarta feira no rexistro do Parlamento da Galiza, unha proposición de lei de iniciativa popular que inclúe unha serie de "medidas para recuperar e fortalecer a Atención Primaria", cada vez "máis deteriorada" na Galiza.

Así o manifestou o portavoz da plataforma, Manuel Martín, rodeado de varios de membros da comisión promotora da ILP diante da porta de entrada do Parlamento galego.

Martín puntualizou que a rexistraron co "obxectivo de fortalecer e, sobre todo, salvar a Atención Primaria na Galiza" porque "todo o mundo coñece a situación dramática pola que pasa".

"As políticas de desmantelamento, de recortes, de falta de recursos e de abandono da Atención Primaria acabaron coa situación na que estamos", asegurou, para despois explicar que "hai unha enorme dificultade" entre a poboación para "poder acceder aos centros de saúde".

"Temos un grave problema de atención, a consulta telefónica está a substituír á presencial, que é fundamental para garantir a atención de calidade", engadiu o portavoz de SOS Sanidade Pública.

Problemas da Atención Primaria

Martín denunciou "as listas de agarda enormes, que superan ás veces os 15 días". "Temos un problema de peche dos centros de saúde no rural, que afasta a poboación máis necesitada de atención, como son as persoas maiores, xa que non poden acudir de maneira normal aos centros", lamentou.

Citou tamén a "moi dificultosa" situación dos traballadores do sistema sanitario, "con gran inestabilidade laboral e precariedade, que fai que moitos dos novos profesionais que se forman nos centros de saúde escapen a outras áreas do sistema, a outras comunidades, ou ao estranxeiro".

Así, puxo como exemplo que na área de Vigo "de 23 novos médicos de familia formados este ano, unicamente 10 quedan aquí".

"Aínda que fixésemos un esforzo de crear novas prazas de formación, o problema é que se as condicións laborais non son dignas, o único que pode ocorrer é que quedemos sen os médicos que formamos na Galiza", concluíu.

Obxectivos da ILP

A ILP rexistrada esta cuarta feira no parlamento ten por obxectivo o Parlamento galego a debater e propor "unha serie de medidas para garantir o acceso, da poboación á Atención Primaria, o fin das listas de espera, un nivel de persoal suficiente, garantir a equidade na atención, mellorar as condicionais laborais e a estabilidade do persoal, reabrir centros pechados, recuperar a autonomía de xestión da Primaria, dar participación real á poboación e desenvolver o modelo comunitario en colaboración con institucións e organizacións de cada localidade". 

O segundo obxectivo da iniciativa é abrir durante os tres meses que duren as recollidas de sinaturas un proceso de información e debate aberto coa poboación sobre a "crítica" situación da Atención Primaria e as medidas que "propón a plataforma para solucionala. Finalmente, o último obxectivo é lograr o "máximo apoio" ás medidas que propón SOS Sanidade Pública.