Practicas deporte? Eis as novidades sobre o uso da máscara

Unha muller practica deporte na Coruña (Imaxe: M. Dylan / Europa Press)

A máscara para a práctica de deporte individual ao aire libre non será obrigatoria a partir da segunda feira. Con esta medida, Galiza adapta a súa normativa vixente sobre o uso deste elemento de protección que, até agora, si era requisito obrigado.

A pasada cuarta feira, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) acordou modificar a coñecida como 'lei de normalidade', na que se recollía unha lexislación sobre o uso da máscara que a Xunta tachou de "desfasada" e, de feito, o propio Goberno estatal entendeu que había que modificar nalgúns aspectos.

Un deles era o que incumbe aos areais, en que se facía obrigado o uso en todo momento, fronte á normativa galega que, por exemplo, eximía no momento de estar tombado ao sol. Pola contra, Galiza era máis restritiva no uso da máscara no deporte e esixíaa en todo momento, unha cuestión que agora modula: seguirá sendo obrigatoria en espazos urbanos, pero non en ambientes ao aire libre cando haxa distancia de seguridade.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle os cambios este sexta feira, pero serán de aplicación a partir da segunda, do mesmo xeito que a adaptación da listaxe de concellos que cambian de nivel de restricións pola súa situación epidemiolóxica.

Así as cousas, a máscara será obrigatoria na práctica deportiva nas vías públicas, nas rúas, avenidas, paseos, prazas e camiños de tránsito público ou outros lugares que sexan de circulación habitual de viandantes e polos que se circule.

Tamén será oblilgatoria para as actividades que supoñan un esforzo físico de carácter non deportivo equiparábel a este, ao aire libre e de forma individual, outra das diferenzas con respecto á normativa estatal e que fai na Galiza as medidas máis restritivas.

Con todo, non será exixíbel o uso da máscara no caso do deporte individual en espazos ao aire libre, exclusivamente durante a realización da práctica deportiva, sempre que, tendo en conta a posíbel concorrencia de persoas e dimensións do lugar, se poida garantir o mantemento, en todo momento, da distancia de 1,5 metros con outras persoas ou deportistas non conviventes.

Consumo de tabaco

No caso particular do consumo de tabaco ou cigarros electrónicos, así como alimentos e bebidas, na vía pública ou espazos ao aire libre, só se poderá exceptuar a obriga do uso da máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que a persoa fume, coma ou beba parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes.

Debe terse en conta a posíbel concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, co fin de garantir o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas. Será aplicábel tamén para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados.

Uso da máscara na praia

A máscara non será exixíbel no mar, praias e piscinas, e no exterior ou cubertas, lagos, encoros, ríos ou noutras zonas de baño no momento do baño e mentres se permaneza deitado ao sol, sen desprazarse e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes.

En calquera caso, será obrigatorio o uso da máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas praias e piscinas, lagos e demais contornas acuáticas, así como para o uso de vestiarios de piscinas públicas ou comunitarias, salvo nas duchas.

Nos estabelecementos de hostalaría e restauración, por parte dos clientes do establecemento, non será exixíbel nos momentos estritamente necesarios para comer e beber.

A Xunta lembra o bo uso deste elemento de protección, que debe cubrir desde a parte do tabique nasal até o queixo, ambos inclusive.