mércores 14/04/21

Suavizan as restricións das máscaras

O acordo entre Estado e territorios amplía os casos de exención

Nenas xogando coa máscara na Laracha. (Foto. M. Dylan / Europa Press)
Nenas xogando coa máscara na Laracha. (Foto. M. Dylan / Europa Press)

O Consello Interterritorial de Saúde decidiu onte pola noite permitir que o uso da máscara non sexa obrigatorio ao facer deporte, descansar nun lugar fixo, estar na praia ou en calquera situación en exterior que permita manter a distancia de seguridade de metro e medio. 

No que atinxe ás praias, o acordo permite non usar máscara ao bañarse, sexan masas acuáticas naturais ou en piscinas, ou no caso de practicar deportes acuáticos. Tampouco será obrigatorio o seu uso antes ou despois do baño.

Para o deporte nas praias e zonas asimilábeis en xeral só se poderán deixar de usala no momento da actividade, pero deberá pórse nos tempos de descanso entre exercicios.

Para encaixar legalmente este acordo, que supón a regulación do artigo 6.2, equipárase o exercicio persoal coas actividades que supoñan un esforzo físico intenso, non deportivo, ao aire libre e individuais.

Antes da xuntanza, Xulio García Comesaña, conselleiro de Saúde de Galiza, apuntou que se ben na praia non se teñen que usar se estamos quedos na area e hai distancia dabondo, defendía que no caso do deporte ao aire libre era necesario manter a obrigatoriedade da máscara.

Esta decisión vén despois da promulgación o 29 de marzo da Lei de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, na que incrementaba os supostos nos que é obrigatorio o uso da máscara; varios territorio do Estado como Andalucía, Balears, Catalunya ou Galiza alzaron a voz cuestionando a aplicación da lei e pedindo que se “interpretara” pola afectación que poderían supor estas restricións no sector turístico.

Isto obrigou a Carolina Darias, ministra de Sanidade, a ofrecer aos territorios a posibilidade de revisar esta parte da lei no Consello Interterritorial de onte.

No texto orixinal da lei, só se excluía da obriga de levar a máscara ás persoas que presentaren doenza ou dificultades respiratorias que puideran empeorar polo uso da máscara, que teñan alteracións de conducta que faga inviábel a súa utilización ou que non dispoñan de autonomía para quitarlla ou que presenten alteracións de conducta que fagan inviábel o seu uso.

comentarios