Carballeda súmase á Pobra do Caramiñal e ao Grove no nivel máximo de restricións

Nivel alto nos municipios de Boiro, Barreiros, Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral.

cribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)
photo_camera Cribado para detectar casos de Covid-19 na área sanitaria de Santiago e Barbanza (Foto: Sergas)

O subcomité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia provocada pola Covid-19, vén de acordar a incorporación do concello de Carballeda de Valdeorras á listaxe de concellos con nivel máximo de restricións, xunto cos concellos da Pobra do Caramiñal e O Grove.

O grupo de expertos determinou o establecemento do nivel alto de restricións en oito concellos galegos, nomeadamente, nos municipios de Boiro, Barreiros, Pobra do Brollón, Monterrei, A Illa, Boimorto, O Irixo e Carral.

Ademais, quedarán no nivel medio de restricións os municipios de Rábade, Ribadumia, Soutomaior, Vilaboa, Vilanova, As Neves, Noia, Sanxenxo, Meis, Baiona, Gondomar, Carballiño, Cortegada e Padrenda.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro 12 de abril.

Continúan os cribados para a detección precoz de casos

A dirección xeral de Saúde Pública continua a intensificar a realización de cribados poboacionais na procura de identificar novos casos positivos polo virus Sars-Cov-2. Así, entre os días 6 e 19 de abril, convoca para realización de probas diagnósticas a máis de 35.000 galegos e galegas

Na xornada da quinta feira, a Xunta administrou un total de 33.229 dosis de vacinas contra a covid-19. En concreto, vacinou a 31.882 persoas coa vacina de Pfizer, e a 1.347 coa de Astrazeneca.

No caso da vacina británica, 1.264 doses foron administradas en grandes recintos (Ferrol e Cee) e 83 noutros puntos de vacinación. No caso das vacinación en Ferrol e Coruña-Cee as porcentaxes de adherencia acadaron o 81,6% na cidade departamental, e o 80,4 % en Cee. Así, a porcentaxe global de adherencia á vacina de Astrazeneca na comunidade galega é de o 77,43%.

Comentarios