O PP confirma o recorte dos dereitos das mulleres coa contrarreforma da lei do aborto

Gallardón

A "lei de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada" do PP confirma o retroceso dos dereitos das mulleres ao prohibir e penalizar o aborto excepto nos supostos de violación e grave perigo para a vida da muller. O ministro Ruíz Gallardón presentou o anteproxecto aprobado no Consello de Ministros. 

Só en dous supostos se contempla que o aborto non sexa delito: o perigo para a vida da muller e a violación. O PP non quere deixar en mans das mulleres o que chamou un “conflito de dereitos” e esa é a razón para que aprobara o anteproxecto da que chama “lei de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada”. A malformación deixa de ser suposto para o aborto dunha lei regresiva que recorta os dereitos das mulleres. 

En varias ocasións, o ministro Ruíz Gallardón referiuse a que o aborto non pode estar nas “mans das mulleres”. Como “conflito de dereitos” explicou a necesidade dunha reforma lexislativa que retrotrae os dereitos das mulleres sobre os seus corpos a 1985 convertendo de novo o aborto en delito salvo en dous supostos, o perigo para a vida da muller e a violación. A malformación non será contemplada como suposto para o aborto na nova lei do PP. 

A “lei orgánica de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada” que pasou hoxe sexta feira o trámite do Consello de Ministros substituirá á lei de prazos aprobada polo goberno de Rodríguez Zapatero. O ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón defendeu a necesidade dunha nova lexislación sobre o que chamou o “sempre grave conflito do aborto” para recuperar “o equilibrio dos dereitos dos nasciturus e da muller” ademais de resolver o que chamou situacións de “inseguridade e inquietude na sociedade en xeral”. 

O “ben xurídico” que é a vida do “concibido e non nacido” é o que o PP se lanza a defender coa nova lei xa que, segundo destacou Gallardón, “o Estado está obrigado a protexer, non só mediante a obriga de que non se interrompa na formación senón de defendelo legalmente”. 

Dous supostos coa muller como vítima

A lei recolle, segundo informou o ministro, dous supostos que non penalizarían o aborto. O primeiro sería a existencia de grave perigo para a muller embarazada e o segundo o caso de que a concepción fora consecuencia dun “delito ou atentado contra a súa integridade”. “O que non cabe neste dereito é facer depender o valor da vida do nasciturus da vontade da muller embarazada”, afirmou, en contra da filosofía da lei de prazos que, para o ministro, “deixaba a capacidade de decisión” ás mulleres.  “A novidade máis interesante é que a muller é sempre vítima”, dixo, nos dous casos nos que o aborto non está considerado delito pola nova lei. Para iso, o texto lexislativo contempla tamén un estrito protocolo de probas médicas e exames que xustifiquen que o aborto entra nun dos dous supostos, rigor que argumenta polas garantías xurídicas e tamén do persoal sanitario. No caso do delito terá que haber denuncia previa e realizarse nas doce primeiras semanas de xestación. O risco para a saúde da muller deberá ser certificado por dous médicos de distinto centro.  Nos supostos de saúde as condicións son elevados con informes e probas médicas á muller e ao feto. 

Menores, acompañadas

Para menores de 18 anos, a lei contempla novamente a obriga de acompañamentos dos país á hora de tomar “unha decisión tan dramática”, dixo o ministro. 

A lei regula tamén a obxección de conciencia do persoal sanitario de maneira que calquera médico poderá absterse de practicar abortos no seu desenvolvemento profesional. Contempla tamén a prohibición de propaganda que anime ao aborto. 

Segundo o ministro, trátase dunha “aposta clara e decidida pola protección dos máis débiles, dos máis vulnerábeis, dos concibidos e non nacidos, desde o recoñecemento e garantía dos dereitos das mulleres”. 

O ministro explicou os cambios que suporá a nova lei mais remitiu aos medios de comunicación a un acto convocado hoxe no ministerio no que especialistas que participaron na elaboración do texto lexislativo debullarán polo miúdo os seus contidos. Recupera o novo texto, segundo Gallardón, “o equilibrio marcado pola doutrina do Tribunal Constitucional, recollido na lei do 85 e roto no ano 2010”.

O movemento feminista ten convocadas hoxe concentracións en cidades e vilas ás 19 horas contra o recorte de dereitos das mulleres promovidos polo PP.