Gallardón aprobará a reforma da lei do aborto máis involutiva

O Consello de Ministr@s dará luz verde ao anteproxecto de reforma da lei do aborto. O PP anuncia que se axusta ao recollido no seu programa electoral mentres o movemento feminista advirte que inundará as rúas polo dereito das mulleres a decidiren sobre o seu propio corpo. 

 

A data de presentación do anteproxecto de reforma da lei do aborto foi aprazada até en catro ocasións. Do seu contido pouco se soubo agás algúns dados inconcretos que foi avanzando nas súas declaracións públicas o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.

A súa carteira, foi finalmente a escollida polo goberno de Mariano Rajoy para desenvolver un novo instrumento xurídico que regule a interrupción do embarazo que, moi probabelmente, deixará de ser voluntaria. O texto que será proposto polo Ministerio de Xustiza, conta co apoio dos colectivos pro-vida e a Conferencia episcopal que demandan desde o trunfo electoral do PP un endurecemento lexislativo á interrupción do embarazo.

Derrogar o aborto voluntario (tamén en menores de idade)

Os puntos quentes da reforma sitúanse principalmente en dous dos elementos máis controvertidos (segundo o Partido Popular) da lei aprobada en 2007 polo daquela goberno de Zapatero. A posibilidade de que as mozas puidesen abortar de maneira voluntaria --e sen consentimento familiar-- a partir dos 16 anos e a posibilidade de o faceren libremente nun prazo de 14 semanas. 

Segundo @s populares, este marco normativo --impulsado polo movemento feminista a nivel estatal-- non garantía "o dereito á vida" d@s non nad@s e debía ser derrogado. Con esa premisa se presentaron ás eleccións de 2011 e, máis de dous anos despois, aprobarán en Consello de Ministr@s unha nova lei.

Supresión dos supostos de malformación e prexuízos para a muller

Ora ben, todo apunta a que a reforma non ficará na derrogación deses dous artigos da lei, senón que prevé, retrotraer a regulación do aborto para alén da primeira lei de supostos de 1985. 

Neste senso, Alberto Ruíz Gallardón avanzou que a nova norma non permitirá que o suposto de "danos psicolóxicos" para a muller se converta no que considerou como un "caixón de xastre". Neste senso, a vontade do executivo español é que tales prexuízos deban ser acreditados polos servizos sanitarios. Segundo o ministro español, esta mudanza procura que as mulleres non "entendan como un pretexto" os danos que o embarazo lles puider ocasionar e, polo tanto, obrigará a que "cumpran e acrediten" tales prexuízos --indicou nunha entrevista concedida ao diario conservador La Razón. 

Así mesmo, o anteproxecto de reforma suprimirá tamén o suposto de discapacidade ou malformación do feto como un dos preceptos para poder abortar de maneira voluntaria. Desta maneira, suprímese o suposto do aborto euxenésico recollido na anterior lei de 1985, en favor, asegurou o ministro de Xustiza, "da vida" pois esta, entende Gallardón, "non é unha concesión graciosa" e constitúe un "dereito inalienábel".  

O movemento feminista revírase contra a reforma e chama á mobilización

Desde a Plataforma galega pola defensa do dereito ao aborto denuncian que a modificación da lei vixente prevista polo executivo español suporá "volver a un tempo onde as que podían economicamente viaxaban estranxeiro para abortar" mentres que as mulleres das clases populares, con menos recursos económicos, "o facían clandestinamente" e sen garantías sanitarias.

Na actualidade, a Organización Mundial da Saúde (OMS) cifra en 47.000 o número de mulleres que anualmente falecen por mor de abortos clandestinos. Aliás, o organismo internacional advertíu a ministro de Xustiza que reformar o actual marco normativo e "restrinxir o aborto, só provoca máis mortaldade materna". 

Así mesmo, o movemento feminista critica con dureza que reforma prevista supoña "unha nova volta á minoría de idade para as mulleres" ao precisaren do permiso "dun ou dunha profesional" ou do "titor ou titora legal" no caso de seren menores de idade "para poder interromper a súa xestación".

Tamén así, alertan desde a Platafoma, a re-penalización do aborto instaurará de novo "a caza de bruxas no século XXI" en relación a aquelas mulleres e profesionais que practiquen un aborto. De igual maneira, sinalan, estas persoas poderán ser perseguidas após as denuncias presentadas por terceiras persoas. 

Desde a Plataforma galega pola defensa do dereito ao aborto, convocan mobilizacións nas cidades do país coincidindo co anuncio do goberno e chaman a toda a cidadanía a secundalas na defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.