Portugal volve implantar o toque de recoller en Lisboa, Porto, Braga e 42 municipios

Unha muller, nun patinete, en Lisboa (Imaxe: Edson de Sousa / Europa Press).

A variante delta continúa a estenderse por Portugal e xa non só afecta Lisboa e a súa área metropolitana. Tamén preocupan Porto e Braga. Para tratar de atallar a situación, o Executivo de António Costa decidiu recuperar o toque de recoller nas zonas máis prexudicadas.

O crecemento no número de contaxios en Portugal ten unha responsábel: a variante delta, máis contaxiosa que as outras coñecidas.

As restricións impostas polo Goberno de António Costa, como o fechamento perimetral de Lisboa durante as fins de semana -unha medida que non afecta os turistas estranxeiros que cheguen ou saian da rexión por estrada- , non están a ser suficientes para conter a súa propagación, de aí que decidira impor o toque de recoller.

A recollida obrigatoria estará vixente desde esta sexta feira, día 2, entre as 23 horas e as 5 horas, nun total de 45 municipios. Son aqueles cunha acumulación de contaxios que oscilan entre 120 e 240 casos por cada 100.000 habitantes.

Onde afecta?

Entre os municipios sobre os que pesa o toque de recoller atópanse os puntos máis turísticos do país, como Lisboa, Porto, Cascais, Sintra, Oeiras, Braga, Albufeira, Faro e Portimão. As outras restricións adicionais que estaban en vigor en Lisboa, Sesimbra e Albufeira esténdense agora a 16 municipios máis: Cascais, Sintra, Oeiras, Almada, Amadora, Barreiro, Constância, Loulé, Loures, Mafra, Mira, Moita, Odivelas, Olhão, Seixal, y Sobral de Monte Agraço.

A medida ten como obxectivo “evitar as reunións e festas de mozos na rúa até altas horas da madrugada”, segundo expuxo a ministra da Presidencia e portavoz do Goberno, Mariana Vieira da Silva.

“Estamos nunha loita contra reloxo que hai que gañar aumentando a vacinación, reducindo as reunións e os contactos sociais descontrolados”, apuntou a responsábel do Executivo.

Portugal confirmou 2.449 novos positivos, 54% na rexión de Lisboa, mais tamén aumentan de maneira considerábel no Algarve, Alentejo e na rexión norte, nomeadamente en Porto e Braga.