Portugal reitera a “prioridade” da alta velocidade con Galiza e relega a conexión con Madrid

Estación tren

O ministro de Asuntos Exteriores incide nunha entrevista en EFE na importancia da ligazón férrea con Galiza.

A conexión da alta velocidade coa Galiza é unha prioridade para Lisboa, que ao longo destes meses xa expresou en máis dunha ocasión que a liña atlántica Lisboa-Porto-Vigo é a que consideran como a verdadeiramente importante para Portugal.

Nesta liña. o ministro de Asuntos Exteriores de Portugal, Augusto Santos Silva, volveu expresar a aposta de Lisboa pola conexión ferroviaria con Galiza. Desta volta, fíxoo nunha entrevista coa axencia EFE, onde puxo sobre a mesa que Portugal ten dúas prioridades para investir nas súas redes ferroviarias, e ningunha delas pasa por Madrid.

A primeira, dixo, é aproximar máis as áreas metropolitanas de Lisboa e Porto a través da alta velocidade, para acurtar o tempo de viaxe. A segunda, engadiu, "prolongar esa liña até a Galiza".

Augusto Santos Silva, iso si, indicou que non desbota por completo unha liña de alta velocidade entre Madrid e Lisboa mais reiterou que non está entre as prioridades actuais.

"Hai que abordar a rede de alta velocidade na Península ibérica desde o punto de vista dos intereses dos dous países. O interese de Portugal non é ter só unha conexión a Europa a través de Madrid. É ter conexións en alta velocidade ferroviaria en plural, varias conexións", dixo na entrevista.

O pasado mes de outubro a ministra de Coesión Territorial portuguesa, Ana Abrunhosa, destacou como "prioridade" do seu Goberno a liña atlántica Lisboa-Porto-Vigo por diante da conexión con Madrid. “A nosa prioridade non é a ligazón entre Madrid e Lisboa, porque de Madrid para Lisboa vamos en avión. Xa temos conexión. A nosa prioridade, certamente, é o Eixo Atlântico, Lisboa, Porto e Vigo”, afirmou a gobernante durante as II Xornadas Amizade, promovidas pela eurocidade Cerveira (Portugal)-Tomiño (Galiza).

Tal e como adiantara o ministro das Infraestruturas portugués, Pedro Nuno Santos, a idea é conectar Vigo e Porto en menos dunha hora antes de 2030. Será chave neste aspecto a saída sur de Vigo cara O Porriño, que precisa do compromiso do Estado español, anunciado mais aínda non materializado. Esta liña complementaríase coa infraestrutura de alta velocidade entre Porto e Lisboa e a electrificación de todo o trazado, que deixarían a viaxe entre Vigo e Lisboa en algo máis de dúas horas.