'A nosa prioridade non é Madrid-Lisboa, é Lisboa-Porto-Vigo', di o Goberno portugués

Estación tren Compostela
A ministra de Cohesión Territorial de Portugal afirma que os plans do Goberno luso son priorizar a conexión de alta velocidade con Galiza a través de Porto antes que unir Madrid e Lisboa por imposición.

Galiza podería quedar en 2030 mellor conectada con Lisboa que con Madrid se se cumplen as previsións do Programa Nacional de Investimentos do país veciño, presentado a pasada quinta feira. E non será grazas ao Estado español, máis preocupado de deixar ben comunicado Madrid, senón do propio Goberno portugués, que non está disposto a aceptar imposicións. 

Nesta liña pronunciouse a ministra de Coesión Territorial portuguesa, Ana Abrunhosa, quen destacou como "prioridade" do seu Goberno a liña atlántica Lisboa-Porto-Vigo por diante da conexión con Madrid. “A nosa prioridade non é a ligazón entre Madrid e Lisboa, porque de Madrid para Lisboa vamos en avión. Xa temos conexión. A nosa prioridade, certamente, é o Eixo Atlântico, Lisboa, Porto e Vigo”, afirmou a gobernante durante as II Xornadas Amizade, promovidas pela eurocidade Cerveira (Portugal)-Tomiño (Galiza).

Tal e como adiantara o ministro das Infraestruturas portugués, Pedro Nuno Santos, a idea é conectar Vigo e Porto en menos dunha hora antes de 2030. Será chave neste aspecto a saída sur de Vigo cara O Porriño, que precisa do compromiso do Estado español, anunciado mais aínda non materializado. Esta liña complementaríase coa infraestrutura de alta velocidade entre Porto e Lisboa e a electrificación de todo o trazado, que deixarían a viaxe entre Vigo e Lisboa en algo máis de dúas horas. 

O que ten claro o Goberno portugués é que non quere "que a solución sexa imposta", como lle deixaron claro ao presidente español Pedro Sánchez no último cumio ibérico após a súa postura. O Goberno español "case impón" como prioridade para a alta velocidade a conexión entre as dúas capitais, Madrid e Lisboa, pero desde o país veciño teñen claro que a súa prioridade é Galiza.