Memoria das mulleres

Pontevedra inaugura un gran mural feminista que visibiliza as mulleres na historia

Mural Mulleres na Historia

O concello de Pontevedra loce un mural feminista de grandes dimensións que transforma o espazo público e racha coa memoria silenciada, visibilizando as mulleres na historia da cidade do Lérez. Unha obra de arte que pretende servir de encerado para ensinar unha historia que deixe de ser aprendida en gris para coñela cos lentes violetas.

Amalia Bóveda colleu o pincel para retratar súa nai, Amalia Álvarez, muller valente que sacou cinco crianzas adiante após vivir o asasinato do seu compañeiro Alexandre Bóveda a mans dos fascistas na Caeira en 1936.

A nai, símbolo da represión na longa noite de pedra, é unha das protagonistas do grande Mural das Mulleres de Pontevedra na Historia co que a cidade do Lérez conta desde esta quinta feira. Familiares das protagonistas retratadas, como a propia Amalia ou membros da familia de María Victoria Moreno, animáronse tamén a deixar unha pequena pegada co pincel.

Esta iniciativa está enmarcada dentro do programa Memoria das Mulleres que o concello de Pontevedra iniciou en 2013 e que, impulsado polo concelleiro nacionalista Luís Bará, ten como obxectivo divulgar o papel das mulleres na historia e no avance da sociedade pontevedresa e galega fronte a invisibilización a mans do sistema patriarcal en todos os ámbitos.

O obxectivo do programa Memoria das Mulleres foi desde o comezo visibilizar as mulleres no espazo público

O obxectivo do programa Memoria das Mulleres foi desde o comezo visibilizar as mulleres no espazo público a través de sinaléctica, roteiros, representacións teatrais na rúa como a realizada recentemente ao redor da represión sobre as mulleres, ou coa aprobación de nomes de mulleres para a nomenclatura de prazas e parques. De feito, a obra, que mide 35 metros de ancho, está situada na confluencia das rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos, ao carón do parque nomeado polo concello como Amalia Álvarez.

Do deseño e realización encargouse Rei Zentolo e Polo Correo do Vento e bebe da creación artística de Luís Seoane

Do deseño e realización encargouse Rei Zentolo e Polo Correo do Vento e bebe da creación artística de Luís Seoane. Na obra mural acompañan nos primeiros planos a Amalia Álvarez outras mulleres fulcrais como Ernestina Otero, María Victoria Moreno, Daría González, Concepción Areal, Carmen del Valle ou Custodia Gama. Leonor González, coñecida como ‘Nené’, é a única muller viva retratada no mural en recoñecemento a esta histórica loitadora pola defensa da ría de Pontevedra.

O mural ten ademais unha función pedagóxica porque permitirá explicar visualmente a historia e escolares.

É a última actuación que ve a luz impulsada por Luís Bará como concelleiro nacionalista en Pontevedra, xa que desta volta decidiu non continuar no goberno de Lores para dedicar todo o seu tempo ao desempeño do seu labor como deputado do BNG no Parlamento Galego.

É a última actuación que ve a luz impulsada por Luís Bará como concelleiro nacionalista

Bará estivo nesta última etapa centrado en patrimonio e recuperación da memoria histórica no goberno municipal, mais apunta que o traballo non remata aquí, xa que o concello continuará impulsando a memoria e a visibilidade das mulleres no espazo público.

As protagonistas

Amalia Álvarez tiña tan só trinta anos cando, estando embarazada da súa quinta filla, ficou viúva logo do asasinato de Alexandre Bóveda na Caeira o 17 de agosto de 1936 a mans dos fascistas. Ten un lugar central no mural como exemplo das mulleres que loitaron para sacar adiante as súas familias durante a longa noite de pedra.

Elisa Patiño ‘Chichana’ foi a primeira aviadora galega. En 1913 xa estaba aos mandos dos aeroplanos. 

Cándida Otero naceu en 1846 e foi pioneira no mundo da fotografía e rexentou estudos en Vigo e Pontevedra. Foi premiada en varias ocasións, e ao enviuvar seguiu co negocio, primeiro soa e logo asociada a Jaime Pacheco.  

Carme Durán enviuvou sendo nai de tres nenas e embarazada dun cuarto. Púxose entón á fronte da empresa familiar que se denominou Autocares Vda. de Cándido. No autobús fretaba paquetes de comida para as persoas presas nas cadeas do franquismo.

Daría González licenciouse en Filosofía e Letras en 1935, mais pola súa militancia no Partido Galeguista impedírona participar nas oposicións. En 1950 foi unha das fundadoras do Colexio da Inmaculada e despois ensinou nos institutos de Pontevedra e Marín.

Custodia Gama foi rapada, golpeada e retida durante corenta días após o golpe fascista de 1936 para que desvelase o paradoiro dos seus irmáns comunistas. Ademais obrigárona a varrer as rúas portando un cartel coa palabra “Comunista”, mais ela nunca delatou os seus irmáns.

Cinta Rey foi nai de Víctor Casas, secretario do Partido Galeguista fusilado en 1936, ao igual que Bóveda, tamén na Caeira.

Clara López, nai de sete crianzas, foi a propietaria de Almacenes Clarita, negocio téxtil que se inaugurou en 1916 na Praza da Ferraría.

Concepción Arenal, que residiu en Pontevedra, foi precursora do feminismo e a primeira muller que asistiu a unha Universidade no Estado español, pois daquelas só podían estudar os homes.

Consuelo Acuña foi asasinada aos seus sesenta anos polos franquistas en 1936 co seu irmán Ramón polo ‘delito’ de agochar no alboio da súa casa da parroquia da Torre o home da súa irmá que se atopaba perseguido polos golpistas.

Outros rostros de mulleres retratados son os de Dolores Trabado, primeira muller da provincia en ter carné de conducir, Dolores Calviño, seareira do equipo de Pasarón, Elvira Lodeiro, fusilada polo franquismo no 36, Ernestina Otero, defensora do modelo de ensino da II República e dos dereitos das mulleres, Isabel Barreto, a primeira muller almiranta da historia da navegación, Josefina Arruti, represaliada polo franquismo por ser esposa do alcalde de Pontevedra, Leonor González ‘Nené’, María Vinyals coñecida como a ‘Marquesa Vermella’, por ser defensora dos dereitos das mulleres e ideas progresistas e que en 1906 foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega. Únense tamén o rostro de mulleres rebeldes como María del Carmen del Valle, María Luísa Olañeta, a escritora e profesora María Victoria Moreno, a artista Mercedes Ruibal ou a menciñeira acusada de bruxería Vasquida García.