O Concello de Pontevedra presenta a web "Do gris ao violeta"

Acto de homenaxe ás mulleres represaliadas de Pontevedra

O programa da Concellaría de Patrimonio Histórico leva dende 2013 realizando diferentes iniciativas co fin de investigar, documentar e divulgar a vida das mulleres pontevedresas. Após cinco anos de longo percorrido, o Concello presenta agora unha páxina web na que comparte todos os materiais recollidos até o momento.

 

O obxectivo do proxecto é, segundo din, “encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial, contar como de imprescindíbel foi o seu pulo para construír a Pontevedra que agora coñecemos”.

 

Para iso foron recompilados nomes, biografías e rostros de mulleres de tres ámbitos: pioneiras, traballadoras e represaliadas e resistentes. O traballo consistiu nunha fonda investigación sobre documentación, bibliografía, hemeroteca, imaxes e arquivos de son e vídeo que puidesen existir sobre elas, ben como a realización de ducias de entrevistas que puidesen achegar novas informacións.

 

No entanto, o labor non quedou aí. Completouse con tarefas de divulgación e homenaxe, en colaboración coas asociacións culturais e veciñais, e mesmo as familias. A intención é “dalas a coñecer á cidadanía, e en especial á comunidade educativa”.

 

Agora, estes cinco anos de traballo iranse amosando na web, onde é accesíbel para toda a poboación, de xeito que o proxecto non fique no esquecemento.