Pontevedra dará voz ás crianzas co Consello da Infancia

África Martínez e Demetrio Gómez, esta segunda feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
O foro botará a andar no mes de setembro.

O Concello de Pontevedra porá en marcha o seu Consello da Infancia en setembro. Así o deu a coñecer esta segunda feira o concelleiro de Educación da cidade do Lérez, Demetrio Gómez, que presentou este novo proxecto participativo que "pon o foco sobre as crianzas e as súas propostas".

O foro está baseado na idea do pedagogo Francesco Tonucci que considera que "unha cidade mellor para os nenos e as nenas será moi probabelmente tamén unha cidade mellor para todas e todas, e en especial para os sectores desfavorecidos". 

Gómez indicou que Tonucci amosou verdadeiro interese en que esta actividade se faga na Boa Vila, e que na práctica suporá pór en marcha "un foro da infancia onde as crianzas darán a súa opinión sobre a cidade".

"Parécenos un proceso moi interesante, mais tamén un proceso complexo que hai que pór en marcha con coidado para que funcione e sexa unha experiencia enriquecedora tanto para as participantes como para o municipio", indicou o edil. 

O consello comezará a artellarse esta fin de semana no Salón do Libro, cunha sesión de proba e toma de contacto dirixida polo colectivo pontevedrés Taller Abierto, a partir da cal se definirán os seguintes pasos a dar para poñer en marcha o foro da infancia de Pontevedra.