Turismo

Esta cidade (galega) é o destino favorito de turistas de todo o mundo dentro do Estado

Buscador do portal turístico 'Booking'. (Foto: Nós Diario)
Hai até catro cidades da Galiza entre os destinos máis buscados en 'Booking' para pasar as vacacións de 2024.

2023 está a piques de rematar e moitas persoas pensan xa que lugares visitar o vindeiro ano. E, segundo informa o prestixioso portal turístico Booking.com, unha cidade galega é a favorita de miles de persoas... a nivel mundial. Non é outra que Pontevedra, o destino máis buscado dentro de todo o Estado español por viaxeiros e viaxeiras de todo o mundo.

A cidade do Lérez supera así localidades con grande afluencia turística como Madrid ou Barcelona, así como outras especialmente frecuentadas por persoas estranxeiras como Magaluf, Benidorm ou Castelldefels. Atendendo ás predicións de Booking, 2024 será o ano de Pontevedra no eido turístico.

Poñendo o foco na cidadanía residente no Estado español, Lugo fica na sexta posición entre os destinos máis buscados para ir de vacacións o vindeiro ano, só superado por Madrid, Santa Cruz de Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Murcia e Cádiz. Todos estes destinos, agás Madrid, comparten a característica de atoparse relativamente perto da auga, un factor moi importante para 77% das persoas viaxeiras a nivel estatal, que aseguran experimentar "unha sensación de relaxación durante as súas vacacións cando está en proximidade ao mar".

A cidade amurallada, porén, fica a varios quilómetros de distancia das praias da comarca da Mariña... mais hai outro concello galego que si linda co mar entre os máis demandados no Estado: Vigo, que se sitúa no posto 13º desta clasificación, mentres Ourense, a seguinte cidade do país no ránking mais novamente afastada do mar, logra a posición número 19.

Cambios no perfil turístico

Booking.com fala de "tendencias emerxentes" no turismo a nivel estatal por "novas inclinacións" que apuntan a un cambio nas preferencias dos turistas que buscan destinos máis frescos debido ás altas temperaturas nos seus lugares de orixe. Así, máis da metade dos enquisados afirman que o cambio climático influirá en como planean as súas vacacións, e até 56% planea utilizar os seus días de descanso para escapar da calor dos seus lugares de orixe.

Por outra parte, o contexto económico actual agudizou a conciencia financeira dos viaxeiros. De feito, 43% da cidadanía do Estado español asegura que buscará vacacións 'de luxo' a prezos alcanzábeis. Neste sentido, Galiza destaca como "refuxio perfecto" pola súa variedade de aloxamentos, sobre todo pola presenza de hostais e pensións debido á gran cantidade de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago. Aliás, ofrece unha gastronomía "exquisita", aspecto "moi importante" para os españois, xa que seis de cada dez desexan coñecer a historia detrás dos pratos locais e un significativo 71% quere probalos, precisan desde Booking.

"Estamos encantados de ver como Galiza, e en particular Pontevedra e Lugo, tornaron en dous dos destinos máis buscados en España para viaxar en 2024, tanto a nivel internacional como nacional. En Booking.com, estamos comprometidos coa Galiza e traballamos para ofrecer diversidade de aloxamentos que satisfaga toda a demanda. Deste modo, esperamos que todas as persoas visiten e namórense desta rexión espléndida, que ten moito que ofrecer", destaca a responsábel de Booking.com para o Estado español e Portugal, Pilar Crespo.