As Pontes e Sabón seguen no 'top' por emisións pese ao feche das térmicas

Central de ciclo combinado de gas natural de Sabón, en Arteixo (Foto: Xoán Roberes).
Alcoa foi a industria galega que máis gases de efecto invernadoiro emitiu á atmosfera en 2021.

Durante anos, as centrais térmicas das Pontes, Meirama  (Cerceda) e Sabón (Arteixo) encabezaron as listaxes das industrias máis contaminantes, xa non só da Galiza, senón do Estado español.

Após o feche das de Sabón e Meirama e a caída da actividade da das Pontes, á espera da autorización do Ministerio para cesar definitivamente a produción de enerxía, Naturgy e Endesa seguen a figurar entre as empresas con maior volume de emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021, máis desta vez polos seus ciclos combinados de gas de Sabón e As Pontes.

 Segundo informa nun comunicado a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón', o pasado ano o gas substituíu en boa medida o carbón na xeración eléctrica no país. Isto fixo que a central de ciclo combinado a gas das Pontes (Endesa) pasase a ser en 2021 a segunda instalación industrial da Galiza con maiores emisións de gases de efecto invernadoiro.

Só as fábricas de alúmina e de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo) superaron as 800.000 toneladas emitidas pola central de gas fósil das Pontes, ao atinxiren conxuntamente perto de 1.100.000 toneladas, cifra que baixará en 2022 e 2023, nos que só se manterá activa a fábrica de alúmina polo paro na produción na de aluminio primario. 

Entre as cinco industrias galegas con maior impacto negativo no clima en 2021 tamén aparece, en cuarto lugar, a central de ciclo combinado a gas fósil de Sabón (Naturgy), por detrás da refinaría de Repsol da Coruña, localizada a escasa distancia. A central de Sabón pasou de emitir 31.400 toneladas de gases de efecto invernadoiro en 2018 ─coa unidade de fueloil en desmantelamento─ a 642.000 en 2021, multiplicando por 20 o seu impacto no clima.

O gas, o novo carbón

Segundo denuncian desde este colectivo, integrado entre outras entidades pola asociación ecoloxista Adega, Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace ou Verdegaia, "o gas non pode ser o novo carbón e as centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes os novos elefantes na habitación que ninguén parece ver". 

Neste senso, a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' consideran "necesario e factíbel" o feche destas centrais antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro polo menos en 65% nese ano con respecto a 1990 para así contribuír a que o quecemento global non supere os 1,5 grados centígrados.