Desde Ponteareas, unha das zonas máis afectadas polo lume: “Isto foi unha auténtica guerra”

@VladoNeska

Casas queimadas, familias desaloxadas, múltiples focos en diferentes partes do término municipal. “Isto non é un pirómano illado, hai intereses”, considera Francisco Floreal, membro do goberno local ponteareán.

“Estabamos rodeados de incendios por todas partes”, di Francisco Floreal, concelleiro de Facenda, sobre o lume que este domingo afectou Ponteareas. “Frontes quilométricas de lume pola zona de Pazos de Borbén, igualmente pola zona da Cañiza... Foi terríbel·”. O edil di que nesta segunda feira a situación é máis “calma”, ao que axudou a choiva caída de madrugada. “Reavívanse algúns focos mais están traballando para apagalos”, engade.

 

“O problema é facer dos servizos públicos un negocio”, afirma con convicción ao lembrar os intereses privados que se moven en torno ao combate contra o lume. 

 

A noite foi terríbel, explica. “Isto foi unha auténtica guerra”, resume antes de enumerar os efectos das lapas. “Tres casas queimadas, moitisimas hectáreas calcinadas, numerosas familias desaloxadas...”. A maior parte destas persoas que tiveron que abandonar os seus fogares pasaron a noite con amigos e familiares. Mais tamén houbo quen recorreu ao pavillón municipal, “unhas doce familias, non so de Ponteareas, tamén de concellos próximos”.

 

Floreal destaca que o combate contra os incendios recaeu nas costas dos medios municipais e da veciñanza. “Foron heroes, porque a situación era do máis complicada. Estabas apagando un lume nun punto e saltaban non sei cantos noutro”. O concelleiro considera que o sucedido non pode explicarse como actuación dun “pirómano illado”, senón que detrás hai “intereses”. “O problema é facer dos servizos públicos un negocio”, afirma con convicción ao lembrar os intereses privados que se moven en torno ao combate contra o lume.