Ponte Caldelas celebra o "éxito" que foi a 55ª edición da Festa da Troita

Unha imaxe da 55ª edición da Festa da Troita (Foto: Concello de Ponte Caldelas).
Na 55ª edición desta Festa Declarada de Interese Turístico foron millares de racións as que foron degustadas e que deixaron "moi bo sabor de boca en todas as aldeas de Ponte Caldelas".

A Festa da Troita de Ponte Caldelas, a festa gastronómica máis longa de todo o Estado español, repartiu durante o último mes máis de 3.000 quilos de troita entre toda a veciñanza do municipio e os visitantes que esta fin de semana acudiron á cita na Alameda de Ponte Caldelas.

Cinco semanas de festa

Durante cinco semanas, a Festa da Troita percorreu todas as aldeas do municipio e ofreceu o peixe fritido ou en escabeche até despachar máis de 3.000 quilos de troita.

Na 55ª edición desta Festa Declarada de Interese Turístico foron millares de racións as que foron degustadas e que deixaron “moi bo sabor de boca en todas as aldeas de Ponte Caldelas” e tamén esta fin de semana no casco urbano, onde o stand de degustación abriu até en tres ocasións para que “veciños e visitantes catasen o peixe”, segundo indican desde o Concello de Ponte Caldelas.

Valoración positiva

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, valora moi positivamente esta festa que se converteu nun símbolo de unión entre a veciñanza do rural de Ponte Caldelas e que reúne a centos de veciños nas aldeas arredor dunha festa que leva a ledicia e dinamiza todas as aldeas do lugar e onde a veciñanza se implica de modo especial coa realización de sobremesas caseiras.

O récord estabeleceuse na aldea de Regodobargo, onde aportaron 70 sobremesas, o segundo posto foi para o lugar de Caldelas, con 47 e o terceiro lugar ocúpao Chaín, con 45.