Política Social decide non intervir as residencias afectadas por surtos masivos

Raiola O Hórreo
As residencias DomusVi de Bembrive, en Vigo, e Raiola O Hórreo, en Compostela, suman máis dun cento de positivos.

A Covid volve con forza ás residencias de maiores da Galiza. En principio son dous gromos que se concentran na residencia DomusVi de Bembrive, en Vigo, onde 88 das persoas usuarias sobre un total de 150 estarían infectadas, e a residencia Raiola O Hórreo, en Compostela, con máis de 15 casos, segundo os datos facilitados desde a Consellaría de Política Social. 

A pesar do elevado número de contaxios, desde o departamento que dirixe Fabiola García destacan que a sintomatoloxía na maioría das afectadas é "moi leve" ou mesmo sen síntomas. Por este motivo, ao contrario do que pasara en ondas anteriores, a Consellaría tomou a decisión de non intervir estes centros.  

Segundo argumentan fontes deste departamento a Nós Diario, a situación "non é preocupante". "Estanse a seguir os protocolos para estes casos e observando a situación en cada momento por se hai que tomar medidas futuras, pero a día de hoxe os criterios sanitarios non requiren dunha intervención", explican desde a Consellaría.

Neste senso, inciden en que "non é o mesmo" unha persoa asintomática ou que teña algo de febre, "que non implica risco para a saúde", que o que aconteceu nas anteriores vagas, cando non había vacina. "Daquela interviuse para garantir a atención sanitaria das usuarias contaxiadas", indican estas mesmas fontes.

"A situación non é a que era. Por iso un gromo destas características, que noutro tempo sería algo moi grave, afortunadamente hoxe en día pode vivirse con certa tranquilidade, obviamente con moita precaución, seguimento e prevención", abundan.

A intervención sería "unha solución máis extrema a una situación máis extrema" que por sorte hoxe en Vigo e Compostela "non é a que se está a dar", aseguran desde Política Social.

Falla de coordinación

Pola súa parte, Sonia Jalda, portavoz do colectivo Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) insistía na vía da intervención destes centros. 

En declaracións a este medio, Jalda exixía á Xunta que "cando menos" contactase coa residencia e asesorase sobre a situación xa que, alertaba, "aquí en Vigo temos xa máis de 80 positivos. Non é 100%, pero son xa máis da metade do total de usuarias".

Outro aspecto sobre o que chamou a atención foi o descoñecemento dos protocolos. "Descoñecemos os protocolos Covid da sexta vaga. Os delegados e delegadas de prevención aínda non os teñen e, polo tanto, os traballadores e traballadoras non recibiron a formación adecuada, e iso é o que non pode ocorrer", denuncia a portavoz de Trega.

A este respecto, indicou que esta terza feira, 11 de xaneiro, os delegados de prevención da residencia de Bembrive pediron unha reunión urxente coa dirección para a entrega dos devanditos protocolos.

Ademais, Jalda alerta de que a variante Ómicron, "moi contaxiosa", está a pasar factura nos cadros de persoal. "Hai falla de persoal. A xente vai caendo e as baixas están sen cubrir", lamenta, unha situación que, se ben xa viña de antes, agora  estase a agudizar, pois nestes centros hai persoal afectado á espera da confirmación dos positivos.