Política Social nega información sobre irregularidades en residencias

María Francisca Gómez, non centro (Foto: Conchi Paz).
O BNG denuncia falta de concreción nas respostas.

A secretaria xeral técnica da Consellaría de Política Social, María Francisca Gómez, non quixo achegar ao Parlamento os datos solicitados pola oposición a respecto das razóns que motivaron as sancións postas pola Xunta a residencias de maiores. 

Na comisión Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento galego, o deputado Iago Tabarés recordou que o Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentara xa en outubro diversas iniciativas para solicitar información sobre as inspeccións realizadas nas residencias de maiores durante os anos 2017 a 2022, ambos os dous incluídos. Ante estas solicitudes de información, a Xunta negou "de maneira sistemática" a información que o BNG  reclamara ante feitos "graves", denunciou Tabarés.

Concretamente, o nacionalista interesouse polas residencias de Nogueira de Ramuín e Esgos (comarca de Ourense), Chandrexa de Queixa (Terra de Trives),  Montederramo (Terra de Caldelas) e Monterrei (comarca de Verín). A xuízo do BNG, que o Goberno galego "agoche información" evidencia a súa intención de "beneficiar" as empresas que xestionan estas residencias.

Imposición de sancións

"En que se desatendeu a estas persoas", formulou Tabarés, que pediu tamén explicacións sobre a superación do límite de ocupación ou sobre outras cuestións como a contía das sancións aplicadas. 

Por outra parte, o nacionalista sinalou que "os incumprimentos detectados pola Xunta da Galiza tiñan que ser comunicados ás entidades locais" pola relación contractual coa empresa e eses incumprimentos poderían dar lugar "á resolución dos contratos ou á imposición de sancións". 

Ante estas preguntas, a secretaria xeral técnica de Política Social aludiu, en referencia ás irregularidades detectadas, a "deficiencias nas instalacións, falta de rexistro de obrigado cumprimento ou non cumprir coas ratios de persoal".  

María Francisca Gómez referiuse, sen concretar, a "máis de mil" inspeccións nos centros para asegurar, manifestou, que todos os xeriátricos dean unha "atención idónea" ás súas usuarias e usuarios. 

Desde o BNG, o parlamentario Tabarés reprochoulle á secretaria xeral "falta de concreción", ao seu xuízo, na resposta ofrecida. "É un dereito democrático básico que se está a incumprir ao non responder", asegurou, postura rexeitada pola representante de Política Social. Avanzou que o BNG seguirá a rexistrar iniciativas polos dereitos das e dos residentes.