A Consellaría salienta a “pouca colaboración” da anciá á hora de comer

Política Social avala DomusVi no caso das úlceras de Carmen Barreiro

A conselleira de Política Social, Fabiola García. (Foto: Europa Press)
A estadía de dous meses e medio no centro de maiores de DomusVi de Monforte de Lemos deteriorou a saúde de Carmen Barreiro. Un informe asinado o 21 de outubro de 2020 polo seu médico de Atención Primaria evidenciábao. A usuaria da residencia “presenta úlceras de cúbito en talóns 
e desnutrición".

O informe do médico de Atención Primaria de Carmen Barreiro sinalaba ademais que a paciente "presenta un gran deterioro cognitivo sen filiar. A doente non presentaba ningunha da sintomatoloxía, arriba descrita, antes de entrar na residencia de anciáns”. 

Carmen Barreiro, ingresada na residencia de Monforte o 16 de xullo de 2020 e internada o 2 de outubro dese ano no hospital da localidade, presentaba nese momento un agravamento das súas condicións sanitarias, até o punto de lle comunicaren os médicos á neta de Carmen Barreiro que presenta “desnutrición severa, infección de ouriños, intestino cheo de feces e unha úlcera na zona do pé e outro na do sacro”.

A lesión no pé de Carmen é un exemplo de úlcera por presión. Segundo sinala a Nós Diario un traballador sanitario dun operador galego da dependencia que pide gardar o anonimato, “estas úlceras son consecuencia da falla de mobilidade e para evitalas é preciso contar con persoal auxiliar para mover as usuarias como mínimo de cada dúas horas e cambialas de posición”. “É a única prevención posíbel para este tipo de úlceras que son habituais nos centros de maiores”, continua o sanitario, quen destaca que “as úlceras por presión poden aparecer en calquera institución. Iso si, cantos menos medios e menos persoal haxa, máis fácil é que aconteza, por iso son máis frecuentes e máis graves nas residencias privadas”.

O servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia da Consellaría de Política Social non viu irregularidades na actuación da dirección da residencia de DomusVi de Monforte de Lemos no caso de Carmen Barreiro.

A representante legal da familia presentou perante a Inspección un escrito para denunciar “a deficiente atención médica”, xa que Carme Barreiro presentaba “unha obstrución intestinal, un trombo pulmonar, unha pneumonía”. Citaba a “desnutrición” e a “úlcera por presión nun talón, producida por falta de cambios de posturas”. En resposta ao escrito, a Consellaría de Política Social apoiou a xestión da dirección do centro de maiores de DomusVi de Monforte de Lemos.

“Pouca colaboración” para comer

No documento, Política Social explica os problemas nutricionais de Barreiro, malia presentar un cadro de demencia, pola súa “pouca colaboración”. Neste sentido, o servizo de Inspección de Maiores, na súa resolución de 2 de novembro de 2020, afirma que “a respecto da desnutrición da persoa usuaria, segundo se reflicte da documentación facilitada, amosaba pouca colaboración”, porén “recoméndaselle ao centro que estabeleza un protocolo para o control de inxestas e se avalíe por parte do persoal médico, se é preciso, a necesidade dunha suplementación alimenticia”. 

A Administración galega defende os coidados sanitarios prestados por DomusVi a Carme. “Con respecto á úlcera por presión do talón de dona Carmen, constátase que foi diagnosticada e controlada diariamente, aínda que o seu curso clínico foi negativo, para o que hai que ter en conta as patoloxías crónicas que presentaba a usuaria e a pouca cooperación que amosou”, engade Política Social no seu escrito de 2 de novembro.