documento 'Por un monte galego con futuro'

Fechar o actual modelo forestal para Galiza, abrir paso a un monte galego “con futuro”

Doce organizacións e colectivos sindicalistas, ambientalistas e do mundo rural presentan ‘Por un monte galego con futuro’,  documento conxunto no que demandan a anulación da proposta de revisión do Plan Forestal e o impulso dun novo plano que parta da sustentabilidade económica e social e do respecto da biodiversidade.

Por un monte galego con futuro’ é o título da proposta conxunta elaborada por doce organizacións sindicais, ambientalistas e do mundo rural galegas, un documento que presenta alternativas para o monte galego que serán base dunha campaña de sensibilización social que levará, na segunda quincena de outubro, a unha manifestación nacional en Compostela.

O documento consensuado cuestiona a actual proposta de revisión do Plan Forestal, da que piden a súa anulación, e as medidas contempladas na Estratexia galega contra o cambio climático, das que consideran que acabará potenciando o cultivo do eucalipto.

Demandan que se elabore unha nova proposta para o Plan Forestal que pivote sobre tres eixos: que parta dunha información actualizada” sobre a situación do monte galego, que esta aberto a unha participación “equilibrada” de todos os axentes sociais; e que teña como “principios reitores” a “diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sustentabilidade económica e social”.

A necesidade de frear e reverter a gran estensión do eucalipto, a defensa dos montes veciñais e en man común ou a aposta no fechamento do ciclo produtivo da madeira na Galiza son outras das cuestións defendidas na proposta presentada por estes doce colectivos.

Estas entidades e organizacións acompañan o documento dunha serie de propostas e medidas concretas. Desde unha moratoria indefinida para novos plantíos de eucaliptos até o establecemento dunha reserva ecolóxica de 30% para bosque autóctono nativo en plantacións forestais. A creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios; así como potenciar a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras, como ferramenta de acceso á terra para o desenvolvemento de actividades agrarias, principalmente por persoas labregas; son outras medidas que se recollen no documento.

Entidades promotoras:  ADEGA, Asociación Frouma , Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Amigos da Terra, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Confederación Intersindical Galega (CIG), Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (Fruga), Montegal, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Sindicato Labrego Galego (SLG)