Os tres policías acusados de asasinar o galego Diego Bello nas Filipinas decláranse inocentes

Concentración en condena do asasinato de Diego Bello (Foto: Plataforma Xustiza para Diego).
Sobre os tres policías pesaba unha orde xudicial de arresto e prisión sen fianza desde o 25 de marzo do ano pasado.

O xuíz encargado do caso de Diego Bello, o mozo coruñés asasinado nas Filipinas en xaneiro de 2020, presidiu esta cuarta feira a vista de lectura de cargos aos acusados, Vicente Panuelos, Ronel Azarcón e Nido Boy Esmeralda, na cal se declararon inocentes.

Foi a propia familia a que informou da vista, que tivo lugar ás 14 horas (hora filipina) e na cal os acusados participaron por videoconferencia desde o cárcere onde cumpren prisión preventiva. Tras a lectura de cargos, os acusados declaráronse inocentes.

Explica a familia que agora se inicia a fase 'Pre-trial', é dicir, a de instrución preliminar.

Nesta etapa, acusación e defensa acordan cuestións comúns dos feitos, as probas que se presentarán en xuízo e as testemuñas que se van a presentar na vista. Tamén, neste momento procesual indicarase a data do xuízo.

Informan tamén de que o Tribunal de Instancia accedeu á petición da familia de trasladar o caso á sede de Manila.

As fases do xuízo

Agora será o Tribunal Supremo Filipino o que determine que Corte será a asignada, quedando pendente a fase do Pre-Trial que será levada a termo cando se asigne a Corte correspondente en Manila.

Estabeleceuse como data para o Pre-Trial o próximo día 5 de maio ás 14 horas (7 horas galegas) de conformidade coas partes, con todo, está pendente esta data de confirmación pola designación da nova corte en Manila, polo que pode cambiar a data de conformidade coas partes.

Unha vez realizado o Pre-Trial comezará o xuízo, onde a acusación e defensa presentarán as probas ante o tribunal, dentro dos 30 días seguintes ao pre-trial.

Os policías filipinos acusados do asasinato de Bello entregábanse ás autoridades do país o pasado 14 de febreiro, "despois de estar case un ano fuxidos da Xustiza". Foi o propio embaixador de Filipinas no Estado español, Philippe J. Lhuillier, quen informou á familia.

Sobre os tres policías pesaba unha de xudicial de arresto e prisión sen fianza desde o 25 de marzo do ano pasado.