A Policía realizou 56 intervencións desde abril a respecto da orde de afastamento da muller asasinada en Oia

Maica Larriba, subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, acode ao acto de repulsa polo crime machista de Oia (Foto: Delegación do Goberno español).
A subdelegada do Goberno estatal confirmou que existían denuncias previas sobre o presunto asasino e que non tiña autorización para portar armas de fogo.

A Policía realizou máis de 50 intervencións (56 exactamente) desde o pasado mes de abril (cando a vítima presentou unha denuncia) a respecto da orde de afastamento de 300 metros que pesaba sobre o presunto asasino respecto da muller asasinada este sábado en Oia, no Baixo Miño.

Así o fixo saber este domingo a subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, en declaracións á Cadena Ser, se ben matizou que ditas intervencións non foron motivadas por quebrantamentos da orde de afastamento.

Na opinión de Larriba, a vítima non estaba desprotexida,  aínda que cualificou de medio o risco de agresión que sufría. Así mesmo, a subdelegada do Goberno estatal confirmou que existían denuncias previas sobre o presunto asasino e que non tiña autorización para portar armas de fogo.

O presunto autor do crime, garda civil do posto de Baiona, suicidouse dun disparo nun monte próximo ao lugar dos feitos, despois de que membros do Instituto Armado tentaran que se entregase tras atopalo.

A Delegación do Goberno estatal na Galicia remitiu á Delegación do Goberno español contra a Violencia de Xénero, dependente do Ministerio de Igualdade, os datos e informes policiais para estudar a declaración oficial do asasinato dunha muller de 44 anos en Oia como violencia de xénero.

Maica Larriba desprazouse este domingo ao municipio de Oia para participar na concentración en repulsa por este asasinato convocada polo Concello. Alí, mostrou as súas condolencias a amigas e familiares da muller asasinada.

Así mesmo, o delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, nunha publicación na súa conta de Twitter, sinalou que a morte de Ana Vanessa é "un fracaso como sociedade" que sente "profundamente".

"Ana Vanessa é a última vítima dun asasinato machista na Galiza, en Oia. A súa morte é un fracaso como sociedade que sentimos profundamente. Non pode volver suceder. Non podemos calar nin deixar de avanzar para protexelas", expuxo Gómez Besteiro.