Consternación na Galiza ante o asasinato dunha muller en Oia

Imaxe de arquivo dunha manifestación contra a violencia machista (Foto: Europa Press).
O presunto autor do crime, un garda civil que se suicidou despois dos feitos, tiña unha orde de afastamento de 300 metros da vítima e a prohibición de comunicarse con ela.

O municipio de Oia, no Baixo Miño, tínguese de loito polo asasinato a tiros dunha muller este sábado nas inmediacións dun cámping da localidade presuntamente a mans da súa ex parella, un Garda Civil que horas despois dos feitos suicidouse ao verse acurralado por axentes do Instituto Armado nun monte próximo ao lugar do crime.

A alcaldesa en funcións, Cristina Correa, confirmou que o consistorio municipal decretará tres días de loito oficial por este "tráxico suceso". Ademais, este domingo convocouse un minuto de silencio ás 12 horas fronte ao cámping, onde a vítima traballaba no servizo de limpeza, en repulsa por este asasinato.

Por outra parte, o Concello cancelou ou aprazou as actividades organizadas para este domingo. Así mesmo, antes da saída da Volta Ciclista Baixo Miño gardouse un minuto de silencio, do mesmo modo que antes do curro de Torroña.

Tamén na veciña localidade da Guarda convocouse unha concentración de repulsa esta segunda feira, ás 12 horas, na Praza do Reló. A Marcha Mundial das Mulleres tamén confirmou que convocará diferentes mobilizacións por toda a Galiza.

Consternación e repulsa

As mostras de consternación e repulsa repetíronse ao longo da tarde deste sábado por todo o territorio e desde diferentes institucións e cargos políticos. Entre elas, a do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que nunha publicación en Twitter manifestou estar "consternado e sen palabras" despois do ocorrido. "Doe, mais non imos deixar de traballar até que a violencia machista estea definitivamente fóra da sociedade", escribiu.

Tamén a líder do BNG, Ana Pontón, utilizou esta rede social para mostrar a súa "rabia, dor e indignación" ante un "novo asasinato por violencia machista". Así mesmo, urxiu "máis medios e recursos para protexer ás mulleres que sofren esta forma cruel de violencia". "Só con igualdade real poderemos deixar atrás o terrorismo machista. Todo o afecto e a solidariedade á familia de Vanesa neste momento tan duro", concluíu.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén se sumou ás mensaxes de repulsa por este "terríbel crime machista". "Unha nova vítima desta secuela que é a violencia machista, que debemos erradicar dunha vez por todas da nosa sociedade. Todo o meu agarimo e solidariedade á familia de Vanesa", relatou.

Feitos

A alerta saltou ás 16.10 horas deste sábado: unha muller fora asasinada cunha arma de fogo nas inmediacións do cámping O Muíño, situado na estrada que une Baiona e A Guarda. Pouco despois, confirmábase que as autoridades buscaban á ex parella da vítima, un Garda Civil que tiña unha orde de afastamento de 300 metros así como a prohibición de comunicarse con ela.

Así, os esforzos das forzas de seguridade centráronse na localización do principal sospeitoso. A última hora da tarde atopárono nun monte próximo ao lugar dos feitos. Finalmente, fontes da investigación confirmaron que o presunto autor deste crime suicidouse sobre as 22.15 horas tras máis dunha hora na que os axentes tentaron dialogar con el para que se entregase.