A policía identifica 14 persoas que despregaron unha bandeira da Patria Galega nas regatas da Coruña

Despregamento este 4 de xullo da bandeira da Patria no Orzán, na Coruña (Foto: Nós Diario)

“Esa bandeira non é legal”, chegou a dicir un policía, segundo sinala unha testemuña, no momento da identificación das 14 persoas que este domingo despregaron unha bandeira da Patria Galega na regata Bandeira Cidade da Coruña. Onte a policía xa ordenara a retirada da bandeira da Patria na regata.

Até 14 persoas foron identificadas na Coruña pola Policía Nacional cando se atopaban recollendo unha bandeira da Patria Galega de grandes dimensións que previamente despregaran na Enseada do Orzán para animar as equipas de traíñas galegas que participaron este domingo, 4 de xullo, na Regata Bandeira Cidade da Coruña.

Precisamente, na xornada anterior, a Policía Local ordenou a retirada da mesma bandeira, se ben ese día só houbo unha identificación.

O BNG, convocante da actividade, denunciou esta mañá os feitos, sinalando que “a colocación da bandeira foi comunicada oficialmente coa antelación debida sen que ningunha autoridade puxese a menor obxección previa ao evento. Por tanto, carece de calquera lexitimación que se intimide ás persoas participantes neste acto simbólico. Pediremos as oportunas explicacións”, din.

“Esa bandeira non é legal”

Unha testemuña que se atopaba no paseo relata a Nós Diario que, ante as preguntas das e dos nacionalistas aos axentes sobre o motivo de seren identificados, a policía informounos de que “tiñan orde de identificalos”. “Iso que é?”, preguntou un axente, “é unha bandeira galega”, respondeu un dos seareiros. “Esa bandeira non é legal”, respostou o policía, para logo rectificar e dicir “non é institucional”.

A diferenza da regata do ano pasado, cando tamén se despregou simboloxía do país, os axentes interromperon tanto este sábado como domingo.

Sobre o acontecido o sábado, Fran Rei, o único identificado pola Policía Local na xornada previa a este domingo e que foi quen comunicou por rexistro en nome do BNG a realización da actividade, sinalaba a Nós Diario que estaban na varanda do paseo, na enseada do Orzán, “sen interromper o tráfico nin o paso nin alterar a mobilidade, ao igual que outra moita xente”.

“A policía, cando chegou, dixo que non tiñamos autorización, sen darnos nada por escrito”, di Rei.

“Exercemos un dereito democrático, de liberdade de expresión e de utilización natural da nosa simboloxía nacional”. A policía, relata, comunicoulles o sábado que baixo ameaza de sanción de infracción da ordenanza municipal de limpeza tiñan que retirar a bandeira.  

Tanto no sábado como este domingo, alén de izar unha bandeira de grandes dimensións da Patria Galega tamén despregaron unha faixa co lema “Avante toda”.