A policía obriga a retirar unha bandeira da Patria na regata Bandeira Cidade da Coruña

Bandeira da Patria despregada este sábado na regata Bandeira Cidade da Coruña (Foto: Nós Diario)

A Policía Local ordenou retirar unha bandeira de grandes dimensións da Patria Galega, despregada por seareiros que animaban as equipas galegas na regata Bandeira Cidade da Coruña. A actividade de despregamento da bandeira fora comunicada oficialmente e coa antelación debida, sen haber resposta negativa.

A Policía Local obrigou a retirar a bandeira da Patria Galega a unha vintena de persoas que animaba as equipas galegas que participaban este sábado, 3 de xullo, na regata Bandeira Cidade da Coruña.

A diferenza do ano pasado, cando tamén se despregou simboloxía do país, os axentes interromperon este sábado as e os seareiros para comunicarlles que tiñan que retirar a bandeira.

“Estábamos na varanda do paseo, na enseada do Orzán, sen interromper o tráfico nin o paso nin alterar a mobilidade, ao igual que outra moita xente”, relata a Nós Diario Fran Rei, identificado pola policía por ser a persoa que comunicara en nome do BNG a realización desta actividade por rexistro oficial nos días previos.

“A policía, cando chegou, dixo que non tiñamos autorización, sen darnos nada por escrito”, di Rei. Alén da actividade ser notificada por rexistro con tempo abondo, non houbo resposta negativa, polo que, como é costume, entenden que non foi denegada.

“Exercemos un dereito democrático, de liberdade de expresión e de utilización natural da nosa simboloxía nacional”. A policía, relata, comunicoulles que baixo ameaza de sanción de infracción da ordenanza municipal de limpeza tiñan que retirar a bandeira.  

Alén de izar unha bandeira de grandes dimensións da Patria Galega tamén despregaron unha faixa co lema “Avante toda”.