A conselleira Ethel Vázquez, 'atropelada' en Oleiros para exixir melloras de seguridade viaria

Cartaz con Ethel Vázquez 'atropelada' en Oleiros. (Foto: Nós Diario)
O Concello de Oleiros colocou varios cartaces "satíricos" para exixir á Xunta que solucione os problemas das estradas municipais xestionadas polo Goberno galego.

O Concello de Oleiros iniciou unha campaña informativa para denunciar problemas de seguridade viaria en varios puntos das estradas municipais baixo a xestión da Xunta.

Nesta sexta feira instaláronse varios cartaces nos que se pode ver unha imaxe da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, 'atropelada' por un vehículo.

Durante a presentación da campaña, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, afirmou que o obxectivo da mesma é reclamar medidas á Xunta para o mantemento da vía pública.

Segundo o rexedor, o Goberno galego négase a solucionar os problemas existentes nas estradas municipais.

"Pasividade e inacción"

García Seoane criticou que "a Xunta ten que asumir as súas competencias", e culpou a Consellaría de Infraestruturas de "pasividade e inacción". 

Entre outras actuacións, reclamou a construción e ampliación de beirarrúas ou o pintado de pasos de peóns en varias zonas do concello.

O alcalde explicou que, para chamar a atención do Goberno galego, procedeuse a colocar varios cartaces "satíricos" en diversas rúas de Oleiros.