O PP blinda Ethel Vázquez cambiando a lei

O CSIF denuncia “un suposto emprego da lei para beneficio particular”
Ethel Vázquez explica no Parlamento da Galiza os orzamentos da súa Consellaría para 2021. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ethel Vázquez explica no Parlamento da Galiza os orzamentos da súa Consellaría para 2021. (Foto: Europa Press)

A oposición responsabiliza o Partido Popular de converter a Lei de medidas fiscais e administrativas, de acompañamento á Lei de orzamentos da Galiza, nun instrumento para modificar “pola porta de atrás” determinadas disposicións normativas de difícil explicación social. No seu proxecto para 2021, propón un cambio substancial do Decreto 129/2012, de 31 de maio, que regulamenta a integración do persoal laboral dos entes instrumentais da Xunta na administración xeral galega. A medida, rexeitada por BNG e PSdeG e pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF), responde, segundo este último sindicato, a que o Goberno galego “está preparando a integración na Xunta dos traballadores da extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh)”.

Eposh é a empresa pública da que é empregada en excedencia a actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e outros altos cargos dese departamento. O Goberno galego extinguiu Eposh en 2012, integrando o seu persoal en Augas da Galiza, organismo que depende da Consellaría dirixida por Ethel Vázquez, iniciando os trámites da súa incorporación na administración en marzo de 2015.

Porén, daquela, segundo denuncia a CSIF, “ante a perda económica que supón esta integración, a actual conselleira de Infraestruturas e Mobilidade meteu presión ao conselleiro de Facenda para que se deixase sen efecto o procedemento”.

A CSIF considera que “agora a conselleira de Mobilidade si ten interese en que se leve adiante esa integración do persoal Eposh na administración da Xunta e, con ela a súa propia integración”. “Pero ten interese”, continua o sindicato, “sempre que se manteñan no posíbel as condicións económicas, moi superiores ás de calquera funcionario de carreira ou oposición”. Neste sentido, o sindicato destaca que “malia que a Xunta non fai públicas as táboas salariais do persoal da extinta Eposh, os salarios da maioría do persoal, sen contar os trienios, son moi superiores aos de calquera subdirector xeral da Administración”, que é o posto máis alto da carreira dun funcionario”. 

A retribución dos trienios das e dos traballadores da Eposh é unha polémica que vén de vello na Administración galega. Á volta de 2005, co Goberno de Manuel Fraga en funcións após perder as eleccións, o conselleiro de Política Territorial do momento, Alberto Núñez Feixoo, asinou o convenio colectivo da Eposh, presidida na altura por Ethel Vázquez, fixando o valor de cada trienio en 5% das retribucións por cada tres anos de antigüidade. Isto provocou, segundo a CSIF, que “unha vez que o persoal traballador da Eposh se convertan en traballadores da Xunta, as retribucións da maioría deles serán, como mínimo, superiores ás de calquera funcionario en máis de 20.000 euros anuais”. 

O impacto salarial desta decisión é evidente. Así, desde a CSIF sinalan que “Ethel Vázquez, como traballadora en excedencia Eposh, con cinco trienios acumulados, percibe un total de 13.443 euros/ano” só en trienios, mentres que “o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, como funcionario da Xunta da Galiza en servizos especiais, con 11 trienios acumulados, percibe un total 6.743,22 euros/ano” en trienios.

Nesta liña, consideran que a reforma proposta polo PP na Lei de acompañamento dos orzamentos “é un suposto de emprego da lei para beneficio particular. E neste caso, facendo uso abusivo da maioría parlamentaria do PP”.

Comentarios