"Pola resurrección da nosa sanidade": A Mariña mobilizarase en Viveiro o 23 de marzo
A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de presentar esta cuarta feira a manifestación que terá lugar o próximo 23 de marzo en Viveiro para denunciar, máis unha vez, a situación que se está a vivir nos centros de saúde da comarca, nomeadamente "na zona occidental da Mariña, o punto con máis déficits na atención sanitaria pola falta de persoal", concretou a portavoz da entidade, Montse Porteiro.
A marcha sairá da Cruz Vermella e tras atravesar a Ponte da Misericordia rematará diante do centro de saúde, onde terá lugar a lectura dun manifesto que ademais de sinalar as carencias da atención primaria tamén afondará no colapso que está a sufrir o hospital da Mariña, "con serios déficits de profesionais de múltiples especialidades como cardioloxía, medicina interna, dixestivo ou uroloxía, entre outras, e que fan que as derivacións cara a Lugo sexan masivas nestes momentos", sinalou Porteiro.
Abandono da Xunta
A portavoz da plataforma sanitaria da Mariña fixo especial fincapé na situación do centro de saúde de Viveiro, a vila máis grande da Mariña, "abandonada pola Xunta nun tema tan importante como a sanidade", dixo, ao permitir que a asignación de once médicos e médicas de familia que lle corresponde, non se estea a cumprir desde hai anos e que "en ocasións atopemos que unicamente 50% do cadro médico ou menos".
Porteiro asegurou na presentación da protesta que xa se deu o caso en máis dunha ocasión "dun só médico no centro, co que unicamente podía atender as urxencias e as persoas que tiñan citas concertadas quedaron sen poder ser atendidas, algo que entra en conflito cos principios da Atención Primaria".
Polo que respecta ao servizo de pediatría, a portavoz do colectivo lembrou que continúa a día de hoxe a 50%, malia que "as dúas concentracións máis multitudinarias do país demandando pediatras fixéronse en Viveiro e provocaron a cobertura dunha praza por parte do Sergas".
Chamamento a toda a sociedade mariñá
Desde a Plataforma sanitaria da Mariña fixeron un chamamento ao tecido asociativo, cultural, deportivo, comercial, empresarial, ao ensino e a todos os sectores produtivos da comarca, así como ao persoal sanitario e ao conxunto de gobernantes a acudir á mobilización que busca encher as rúas de Viveiro "para facerlle saber ao goberno da Xunta e ao Sergas que seguimos a loitar por unha sanidade de calidade, digna, de proximidade, gratuíta, integral e integradora".
