Podo optar ás axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas?

As actuacións subvencionadas deberán supor unha mellora da eficiencia enerxética do edificio en, cando menos, unha letra (Foto: Nós Diario).
O prazo para solicitalas abre esta segunda feira e ficará aberto até o vindeiro 30 de setembro.

A Xunta da Galiza abre esta segunda feira o prazo de solicitudes para as axudas á rehabilitación enerxética de vivendas en edificios situados en municipios de "reto demográfico", no marco do programa PREE 5.000.

O prazo ficará aberto até o vindeiro 30 de setembro, e o plan conta cun orzamento total de 3,8 millóns de euros.

Quen pode recibir as axudas?

As actuacións subvencionábeis serán aquelas en edificacións localizadas en municipios de menos de 5.000 habitantes, ou concellos non rubanos de menos de 20.000, toda vez que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 veciños e veciñas.

Aliás, só se aceptan os inmóbeis construídos antes de 2007, e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas de forma individual.

Deste modo, as persoas físicas ou xurídicas de natureza privada, así como as comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias que sexan titulares dos inmóbeis a subvencionar, poderán beneficiarse desta liña de incentivos.

Que actuacións se subvencionan?

Os traballos a executar, por outra parte, deberán pertencer a unha ou varias das seguintes tipoloxías: mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; mellora da eficiencia e uso das enerxías renovábeis nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria, e mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.

Que obxectivos debe cumprir a rehabilitación?

As actuacións que subvencione o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) deberán lograr unha redución do consumo de enerxía non renovábel de 30% a respecto da situación actual do edificio e, ademais, mellorar a cualificación enerxética total do inmóbel en, cando menos, unha letra, agás se xa posúe a cualificación, máis alta, A.

Que porcentaxe das actuacións cobren as axudas?

Estas subvencións non terán unha contía fixa e partirán dun mínimo equivalente a 20% dos custos elixíbeis, podendo alcanzar 100%. Así, o importe concreto variará segundo o tipo de actuación, o inmóbel obxecto da rehabilitación ou os obxectivos de eficiencia enerxética alcanzados após a reforma.

Cales son os criterios que determinarán a contía?

A subvención concedida será o resultado de sumar a axuda base, que oscilará entre 20% e 50% dos custos, e a axuda adicional que corrresponda en cada caso en función do cumprimento dunha serie de criterios sociais—valorarase, por exemplo, que o edificio estea baixo algún réxime de protección pública—, de eficiencia enerxética —cando o inmóbel obteña unha cualificación A ou B, ou incremente en dúas letras a súa situación inicial— e se é ou non unha actuación que inclúe obras correspondentes a dúas ou máis tipoloxías.