Social

Fandiño, de Aiseia: "As pantallas son unha solución temporal para que as adolescentes interactúen coas súas iguais"

Ricardo Fandiño e Vanessa Rodríguez Pousada, coordinadora do servizo de apoio emocional (Imaxe: Aiseia)

O sábado 24 de marzo, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia puxo a disposición de rapazada e coidadoras de crianzas unha liña telefónica de primeiros auxilios emocionais. Conversamos con Ricardo Fandiño, integrante de Aiseia e coordinador dos casos, quen recorda: "No confinamento hai un nesgo evidente de clase que hai que ter en conta".

-Por que decidiron poñer en marcha o programa e como funciona?

No momento en que se comunicou que o confinamento ía ir máis alá de quince días -nós que traballamos con rapazada e crianzas- démonos conta de que a súa situación nas casas podía dar lugar a dificultades de convivencia, problemas no acceso a material escolar etc. Somos un grupo amplo de dezaseis persoas: psicólogas, traballadoras sociais, educadoras sociais, unha enfermeira. Un número de coordinación (622245545) filtra as chamadas e deriva ao profesional máis convinte para atender á demanda.

-É posíbel detectar situacións de violencia no fogar, ou de especial vulnerabilidade, a través dun servizo telefónico?

Estamos particularmente atentos, mais non atopamos esa casuística. Na coordinación témolo moi en conta, os posíbeis casos de violencia de xénero ou exercida cara menores. Son problemáticas que xeralmente se detectan na escola, nos servizos médicos, e que nestes momentos non son de tan fácil acceso, co cal si que é un problema que nos preocupa. Cremos que pode haber unha maior invisibilización destas problemáticas na corentena e que é necesario estudar en profundidade, unha vez finalice, o que está a acontecer estes días. 

Nas adolescentes hai unha grande inquedanza polo futuro académico

-Que vos comentan as adolescentes que contactan co servizo?

-Antes que nada, quero puntualizar no confinamento hai un nesgo evidente de clase que hai que ter en conta. Non é o mesmo estar confinado nunha casa con xardín que nun piso onde un adolescente non ten espazo de intimidade, un cuarto propio. Ademais, damos por feito que todos teñen acceso a internet, pero moitas das tarifas de datos dos seus móbiles esgótanse rápido. Non todas teñen wifi e perden a conexión. Iso preocúpalles porque nestes días precisan a interacción coas súas amizades. Ademais, hai unha grande inquedanza polo futuro académico, co aprazamento de exames ou a incerteza sobre a selectividade.

-Tamén atenden as chamadas de coidadoras de crianzas, cales son as súas principais dúbidas?

-As dúbidas das nais son de varios tipos, como as que teñen que ver con reaccións que perciben nas crianzas e que lles chaman a atención. Máis tristeza, por exemplo. Pero tamén problemáticas máis específicas, como a perda do control dos esfínteres, dúbidas sobre nenos ou nenas con trastorno de espectro autista, ou problemas de convivencia, que se dan tamén nas adolescentes, que xa se detectaran antes do confinamento, pero que se agudizan neste tipo de circunstancias. Respecto ás adolescentes, céntranse no uso masivo das pantallas ou maior tendencia ao illamento.

Hai casos de problemas de convicencia que se agudizan neste tipo de circunstancias

-Que recomendacións ofrecedes para as familias con adolescentes?

Nestes momentos cremos que o uso das pantallas, de moita actualidade, pode ser unha solución temporal para eles que lles permite interactuar entre iguais. Pero recomendamos que parte do tempo que lles dediquen sexan na compañía de adultos. Por que? Para que non só fiquen enganchadas en canles que teñan que ver coa poboación adolescente, que saian da autorreferencialidade dun mundo exclusivamente adolescente. Que compartan xogos, que analicen criticamente as noticias coa súa familia. E tamén compre facer propostas que para que compartan as súas inquedanzas culturais con toda a familia. En todo este movemento dos balcóns, das ventás, no que se canta ou aplaude, hai cazoladas...bótase de menos que haxa máis produción cultural adolescente. Por que non adolescentes cantando trap nos balcóns?

-Italia permite que as crianzas saian a rúa de forma controlada. Debería adoptarse esta medida tamén no Estado español?

-Penso que neste debate hai unha cuestión de temporalidade, flexibilidade e tamén de responsabilidade das familias. Unha cousa é un confinamento a curto prazo, quince días estendidos a catro semanas. Outra, un escenario a medio prazo. Temos que valorar que hai unha problemática de saúde xeral que é a COVID-19, mais non é a única a ter en conta. As crianzas precisan dunha interrelación, unha actividade, estar ao sol. Somos favorábeis a que as crianzas podan dar pequenos paseos, estase facendo coas mascotas.

As crianzas precisan dunha interrelación, unha actividade