Milagros Lorenzo (Itos), psicóloga: “É importante que as nenas e os nenos teñan un espazo e un tempo para desenvolver a súa creatividade”

Milagros Lorenzo Méndez (Itos), psicóloga (Nós Diario)
Responsábel do centro Medrando xuntos, Milagros Lorenzo acostuma a tratar polo miúdo e de maneira personalizada as necesidades e potencialidades de nenas e nenos. No seu traballo valora de maneira psicopedagóxica cada caso e traballa en sesións de reeducación, apoio e estimulación cognitiva. Responde a Nós Diario algunhas das preguntas que se fan as familias nas casas estes días de confinamento obrigatorio.

Como se leva esta situación?

É moi complicado levar adiante o traballo que nós facemos. Traballamos a nivel de educación pedagóxico dentro do ámbito da psicomotricidade, a nivel educativo e de terapia unha das ferramentas básicas como profesionais son as nosas propias competencias corporais e de relación coas nenas e nenos.

Dentro da distancia actual o que podemos facer como moito é manter un vínculo. Falar coa familia e podelas orientar, responder ás dúbidas e entender que é o que está pasando a nena ou neno neste momento. Todo o traballo de apoio que facíamos é imposíbel levalo adiante.

Algunhas nenas e nenos que estaban con nós volven a ter sintomatoloxías indicadoras de estrés: morderse as unllas, estados de moita ansiedade, axitación. En parte é unha situación moi normalizada da experiencia que están a vivir.

Quedan moitos días de convivencia por diante e hai que tentar que aumenten os momentos de pracer e diminúan os momentos de tensión

A nosa labor dentro do que nós coñecemos máis que resolver a conduta é tratar que a familia entenda para evitar que esa situación de estrés vaia a máis.

Quedan moitos días de convivencia por diante e hai que tentar que aumenten os momentos de pracer e diminúan os momentos de tensión. É máis importante que transmitirlle pautas concretas de facer.

Como se lle explica a unha nena ou a un neno a situación que estamos vivindo?

A maneira correcta sempre é en función das preguntas que faga e as dúbidas que teña nese momento. Hai que responder da maneira máis sincera que poidamos, sen alarmar, sen angustia.

O que perciben é o estado de angustia da persoa adulta

O que perciben é o estado de angustia da persoa adulta. Non hai que omitirlles a realidade deste momento que é que temos que estar en casa porque hai un “bichiño” que anda por aí que se chama Covid-19 que se saímos nun momento determinado podemos poñernos en risco e poñer en riso aos demais.

Explicarlles cun vocabulario axustado á nena ou neno. A cuestión é que temos que ir respondendo o día a día as preguntas. Non teñen unha conciencia espacial e temporal como temos as persoas adultas. Hoxe comprenden e mañá volven a darlle voltas.

Hai que facer unha tarefa de fondo e repetilo as veces que sexa necesario. Ao mellor é bo tamén poñelas en contacto con outras nenas e nenos, con familia, con referentes próximos, para que vexan que non somo nós sós. A tecnoloxía axuda para facer isto e desta maneira ven que todos están ben malia a situación.

Algunha recomendación nesta situación actual?

Nós recomendamos ás familias que independentemente de que ademais de poder facer o que máis lle pode beneficiar a nenas e nenos que é xogar, recomendamos que tipo de actividades poden facer que deran continuidade ás charlas de psicomotricidade. É importante, nun momento dado, que as nenas e nenos teñan un espazo e un tempo do que apropiarse para desenvolver a súa creatividade.

Isto pode permitirlles unha “saída simbólica” da reclusión do espazo físico no que están. Nese tempo de xogo non deben intervir as persoas adultas. As nenas e nenos elaboran a súa realidade a través do xogo. É necesario que nese tempo teñan material que se poida transformar, empregar almofadas por exemplo. Que non se preocupen de cambialas de lugar. O mellor é estabelecer unha rutina.

O momento de xogo sempre ten que ser á mesma hora. É algo que vai preparar á nena ou neno para despois. Hai unha memoria corporal.

Estes días hai demandas de que se deixe saír con determinadas medidas de precaución ás nenas e nenos. Cal é a súa opinión?

Non o sei. A nivel sanitario hai que estar atenta ás indicacións das médicas e médicos. Eu nalgún caso con algún neno con patoloxías importantes emitín un informe conforme se o estado de ansiedade se disparaba moito puidera saír. Está recomendado.

O comportamento das nenas e nenos é moi difícil de limitar

O que está claro é que teñen que convivir e en segundo que casos é máis beneficioso que saia con protección e a unha hora e lugar que a familia considere que se minimicen os riscos. Teño claro que en determinados casos está xustificado. Noutros non o sei.

O comportamento das nenas e nenos é moi difícil de limitar. Cara onde se poden mover ou se poden ou non tocar algunha superficie. Non existe esa capacidade de pensar antes de facer. Hai “ordes” que non se lle poden dar por non ter a madurez para que a leven a cabo. Cada caso hai que valoralo, o seu entorno, como para tomar esa decisión.

Haberá secuelas?

Non sei se se volverá ao colexio antes de fin de curso para evitar riscos logo de todo o esforzo que se está a poñer para evitar contaxios. A normalidade é o que podamos ir vivindo no día a día e esa normalidade depende da liberdade de acción que poidamos ter.

Non sei se se volverá ao colexio antes de fin de curso para evitar riscos logo de todo o esforzo que se está a poñer para evitar contaxios

Eu creo que valoraremos moito máis cousas que non valoramos até agora. Quero pensar que este tempo de “parada”, aínda que nos estea custando ás persoas adultas e nenas e nenos, hai aprendizaxes que faremos que nos aprenderán a gozar doutras cousas que agora non temos en conta. Hai nenas e nenos que sobreviven e nin teñen secuelas de situacións moi traumáticas.

Agora, aparte de estar nun lugar moi limitado e non saír temos máis ou menos o resto cuberto. Quero pensar e confiar de que estaremos ben e podemos estar mellor. Non ten que haber danos rechamantes.