A poboación galega que habita en vivendas "deficientes" dobra a europea

(Foto: Europa Press)
22% dos galegos e galegas viven en inmóbeis con eivas de habitabilidade.

Un de cada cinco galegos e galegas vive en fogares con determinadas deficiencias na vivienda. 21,7% da poboación da Galiza atópase nesta situación, unha porcentaxe que supera en dous puntos a media do Estado español (19,7%) e en case nove a da Unión Europea, onde apenas 13% dos seus habitantes teñen que afrontar este problema. Na Galiza, pois, dóbrase  a porcentaxe europea.

Son datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que estudou que porcentaxe da poboación habita nunha vivenda que presenta deficiencias (como pingueiras, humidades en paredes, chans, teitos ou cimentos, ou podremia en chans, marcos de xanelas ou portas). 

O traballo ten en conta, ademais, se estas vivendas dispoñen do espazo suficiente ou teñen problemas de falta de espazo, ou mesmo sofren deficiencia como a falta de luz ou non poder manter unha temperatura adecuada.

O INE tamén valora un conxunto amplo de aspectos relacionados coas condicións da contorna en que estea situada (ruídos, contaminación, problemas ambientais, etc...).

Os datos —correspondentes a 2021— mostran unha leve mellora da situación na Galiza a respecto de dez anos atrás, cando nesa mesma situación estaba 26% da poboación.

Tipoloxías

En relación co tipo de fogar que presenta "deficiencias", as porcentaxes máis altas corresponderon ao fogar formado por unha persoa adulta soa con fillos e fillos dependentes (24,7%). No que atinxe ao grao de urbanización, a máis alta atópaseen áreas pouco poboadas, cun valor do 21,6%.

Os datos do Observatorio Galego de Vivenda en base aos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes a 2020 —último ano dispoñíbel— cifra a humidade como a principal deficiencia apuntada nos fogares galegos. Máis de 237.000 denuncian este problema, mentres algo máis de 151.000 apuntaban a deficiencias de illamento térmico ou acústico nos inmóbeis e máis de 90.000 ao espazo.

A podremia en solos e xanelas afecta máis de 30.000 fogares e a escaseza de luz natural 71.000. Unha das circunstancias para entender esta situación é que máis de medio millón de vivendas galegas teñen entre 40 e 70 anos de antigüidade e  150.000 entre 70 e 120 anos. Que a Galiza teña as pensións máis baixas do Estado e dos salarios máis cativos tamén é un factor a atender na situación de habitabilidade das vivendas.

Orzamentos á baixa

O proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023 consigna para vivenda algo máis de 130 millóns de euros. Son 80 millóns de euros menos que os que se adxudicara a este capítulo en 2009 (210,9 millóns de euros). Un descenso de case 40%.

A política de vivenda do actual Goberno centra as críticas da oposición e de colectivos e entidades que traballan a favor da vivenda como un dereito accesíbel. Entre a realidade que denuncian figura que o Goberno galego edificase só 40 vivendas de promoción pública en cinco anos (2015-2020).