Saúde

A poboación galega encabeza o consumo de psicofármacos no Estado español

Os antidepresivos e ansiolíticos precisan de receita para a súa venda. (Foto: Europa Press)

Galiza lidera o consumo de psicofármacos no conxunto do Estado español. Vénse incrementando de modo moi importante nos últimos 20 anos, até representar 123% máis no caso dos ansiolíticos. O consumo de antidepresivos creceu en 200% entre 2000 e 2013.

Os diferentes estudos elaborados polas autoridades estatais e polas comunitarias sitúan Galiza á cabeza do Estado español no consumo de psicofármacos. Así, por exemplo, o último Informe do sistema nacional de saúde 2020-2021, elaborado polo Ministerio de Sanidade, coloca a poboación galega liderando o consumo de antidepresivos no espazo estatal.Neste sentido, enténdese por antidepresivo un medicamento psicótropo empregado para tratar a depresión que pode aparecer en forma dun ou máis episodios ao longo da vida, trastornos psicolóxicos, certas desordes na conduta alimentaria e alteracións do control dos impulsos.

As cifras fornecidas polo Goberno do Estado para 2020, último ano con datos, sinalan que o maior consumo de antidepresivos do Estado deuse na Galiza. Neste sentido, apunta que “de media, en España, consumíronse 86,9 doses diarias definidas por 1.000 habitantes e día (DHD) de antidepresivos, alcanzándose os maiores consumos na Galiza (130,7 DHD), Asturias (129,8 DHD) e Estremadura (123,3 DHD). Melilla (45,9 DHD), Ceuta (58,2 DHD), País Vasco (69,7 DHD) e a Comunidade de Madrid (69,8 DHD) foron os territorios con menor consumo”.

Os datos achegados pola Enquisa Europea de Saúde en España 2020 sitúanse na mesma dirección. O estudo realizado cada cinco anos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) é o capítulo estatal da European Health Interview Survey (EHIS), coordinada por Eurostat, onde se recolle información sanitaria relativa á poboación residente no Estado español de 15 e máis anos mediante un cuestionario común a toda a Unión Europea, que permite avaliar as actuacións en materia sanitaria, tanto europeas como estatais.Nese caso, ofrécese información tanto de consumo de antidepresivos como de ansiolíticos, un fármaco psicótropo con acción depresora do sistema nervioso central, destinado a diminuír ou eliminar os síntomas da ansiedade.

A Enquisa Europea de Saúde en España, cuxas últimas cifras son de 2020, apunta que 15,9% das galegas e galegos maiores de 15 anos consumiron ansiolíticos nas dúas semanas previas á realización da sondaxe, ficando este número para a media do Estado en 10,8%. Asemade, Galiza volveu situarse á cabeza nesta listaxe, ficando a continuación Canarias, País Valencià, Castela e León e Euskadi. Ao tempo, destaca que 7,7% de galegas e galegos maiores de 15 anos consumiron antidepresivos nas dúas semanas previas á realización da sondaxe, mentres que no conxunto do Estado a porcentaxe foi de 4,52. Neste caso, lidera a táboa Asturias con 8,21, seguida da Galiza.

O elevado consumo de psicofármacos por parte da poboación galega e as diferenzas de uso coa media estatal seguen a ser obxecto de debate no campo da psiquiatría e da psicoloxía. Así, a psiquiatra do hospital do Barbanza, na área sanitaria de Compostela, Iria Veiga, explica a Nós Diario que “o maior consumo de psicofármacos está xeralmente asociado a rendas máis baixas e peores condicións de vida, así como á maior idade da poboación”. Nesta liña, apunta que “o que chega ás consultas de psiquiatría xeralmente son problemas vitais, non enfermidade, que deberan ter unha abordaxe psicoterapéutica, pero non temos profesionais suficientes”.

Saúde mental e baixas laborais

O psicólogo clínico José Berdullas asocia esta situación “a un peor contexto social e económico, até o punto de que 33% das baixas médicas son por motivos laborais”. Neste sentido, avanza a Nós Diario que “unha ratio tan reducida de psicólogos clínicos na sanidade pública cunhas listas de agarda tan elevadas favorece o recurso á medicación, sobre todo por parte dos facultativos de Atención Primaria, que non contan con outra ferramenta para responder a estes casos”. Na mesma dirección, amosa a súa “preocupación polo gran número de adolescentes que toman psicofármacos, en moitos casos sen control algún, así como polas tentativas de suicidios con ansiolíticos entre os menores de 15 anos”.

A voceira do Movemento Galego de Saúde Mental e psicóloga clínica, Rosa Cerqueiro, entende que “o gran consumo de psicofármacos responde a un gran malestar social que existe na Galiza”. A este respecto, propón estudar “as diferenzas existentes con outras partes do Estado, no referido ás condicións de vida, no acceso ao sistema sanitario e de protección social e nas desigualades nas prestacións da saúde”.

O psiquiatra e subdirector xeral de Saúde Mental da Xunta da Galiza entre 2005 e 2009 Víctor Pedreira sinala a Nós Diario: “Non sendo a saúde mental dos galegos peor que a dos cidadáns do resto do Estado e sendo moi superior o consumo de psicofármacos, a explicación débese buscar no desenvolvemento do sistema de saúde mental na Galiza, que acumula un grande atraso coa media estatal, até o punto de que até 2005 Galiza non conta un Plan de saúde mental”.


O consumo de ansiolíticos medrou 123% desde o ano 2000

O consumo de psicofármacos tense incrementado de maneira exponencial nas dúas últimas décadas, de modo moi particular nos anos máis duros da Grande Recesión e da pandemia da Covid. Segundo os datos da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (Aemps), o consumo de ansiolíticos aumentou entre o ano 2000 e 2020 en 123,5%, rexistrando unha suba de 57,4% de 2000 a 2012 e de 66,1% de 2012 a 2020, último ano con cifras. Pola súa parte, o consumo de antidepresivos para o período de 2000 a 2013 foi de 200%, situándose o consumo dos galegos en 2020 en 7,7% e a media estatal en 4,5%.

José Berdullas apunta que “se as causas desta situación son sociais, a solución ten que ser social” porque “a saúde mental non ten que ficar nos síntomas, senón que ten que ir á raíz”. Na mesma dirección, Rosa Cerqueiro destaca que “debemos estudar os motivos do enorme malestar existente na nosa sociedade, como é a precariedade, a desigualdade, os recortes, evitando catalogar o malestar como unha enfermidade que precisa dunha resposta química”. Ao tempo, Víctor Pedreira recalca "o déficit de persoal existente no sistema galego de saúde, que padeceu os recortes aplicados por Raxoi e a Xunta da Galiza”.