Plataformas veciñais alertan do "alto risco" na zona do río Eo pola implantación de eólicos

Na Galiza hai 4.000 aeroxeradores eólicos en funcionamento. (Foto: Pedro Sala)
Un total de 447 plataformas, vinculadas a 35 Reservas de Biosfera, apoiaron unha solicitude de moratoria científica presentada no  Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) o pasado mes de xullo.

Tres plataformas veciñais alertaron esta segunda feira do “alto risco” que supón a “potencial implantación masiva” de complexos eólicos na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, xa que provocaría unha degradación ambiental e social “causada polo impacto acumulado desta proposta de invasión”.

Neste sentido, os colectivos Xente de Oscos-Eo, Stop Eólicos Negueira e Eólicos na Mariña, Así Non apoiaron unha campaña impulsada pola Alianza Enerxía e Territorio (Aliente) para solicitar unha moratoria científica en todas as Reservas de Biosfera do Estado español até que se realice un “estudo sobre a viabilidade de instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares, incluída a repotenciación, e infraestruturas asociadas en territorios declarados Reserva da Biosfera no Estado español”.

Un total de 447 plataformas, vinculadas a 35 Reservas de Biosfera, apoiaron esta solicitude de moratoria científica, que foi presentada no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) o pasado mes de xullo.

Nun comunicado, os colectivos veciñais da zona do Eo destacan que a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón foi a que máis apoios obtivo, con 134 colectivos “de diferente índole”; o que mostra “o crecente rexeitamento social á invasión eólica que se está pretendendo impoñer na nosa Reserva da Biosfera”.

Toma de postura das administracións

As tres plataformas veciñais lamentan que, “ante a gravidade da situación, non haxa unha clara toma de postura para defender a Reserva da Biosfera nin por parte dos Concellos, nin por parte dos xestores”. Segundo critican, “até o momento apenas dous concellos, o de Negueira de Muñiz e o de Santalla de Oscos, se adheriron á campaña (que segue aberta para novas adhesións)”.

Denuncian que a “ameaza de invasión é real”. Segundo datos proporcionados por estes colectivos, actualmente hai en funcionamento 286 aeroxeradores dentro da Reserva de Biosfera e 150 máis dentro da “área de influencia”, duns 10 quilómetros de distancia. A previsión sería que se instalasen outros 333 muíños no interior deste espazo natural e 264 na súa área de influencia.

Para os colectivos veciñais, “a proposta de macroproxectos centralizados non é a solución por presentar graves problemas”, entre os que enumeran a limitación do potencial, a dependencia de materiais “escasos” e a dependencia fósil, entre outros.

Aliás, as plataformas aseguran que existen alternativas, e subliñan que a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Buró “é un escenario fantástico para propor unha transición enerxética xusta, baseada nun modelo de enerxía renovábel distribuído, promovendo o aforro enerxético, o autoconsumo e a eficiencia enerxética”.