Unha rede de colectivos advirte dunha “pandemia” de eólicos no rural galego

Parque eólico de Cabo Vilano. (Naturgy)

Trasladan ás candidaturas ás eleccións do 12X a preocupación polo impacto ambiental, social e económico destes proxectos.

A Rede galega por un rural vivo,integrada por asociacións e colectivos de case unha vintena de municipios,   trasladou aos partidos e agrupacións políticas que concorren ás eleccións do 12 de xullo a súa preocupación polo que cualifican como “destrución” e “esmorecemento” que está a sufrir o rural da Galiza.

A Rede denuncia que na Galiza estase a vivir “a febre dos eólicos”, cunha “aparición descontrolada de parques eólicos abusivos”. Cualifican así, explican, aqueles que “poñen en perigo a saúde dos habitantes do rural, que os fan máis pobres debido á perda de valor dos terreos, e o prexuízo xerado ás explotacións agrarias e forestais, ademais da destrución da paisaxe e patrimonio”.

Denuncian tamém que é contraditorio que desde as administracións se gaben de promover o asentamento no rural “mentres por outro lado, sen escoitar a quen vive nel, facilitan a implantación de grandes proxectos industriais que explotan os recursos, que contaminan, que estragan a paisaxe e que empobrecen o rural”.

A Rede propón a adecuación do marco lexislativo da Galiza en materia de enerxía para adaptalo ás demandas actuais de toda a sociedade, afirmando que a lexislación actual está obsoleta e non garante os dereitos do rural, “favorecendo os intereses especulativos das empresas”.