“A empresa da ex-conselleira Beatriz Mato tivo información privilexiada na tramitación dos seus proxectos eólicos”

Beatriz Mato (Europa Press / arquivo).

Denúnciao Adega, que fala de “favoritismo sen límite”.

Greenalia, a enerxética na que desde febreiro é directiva a ex-conselleira de medio ambiente Beatriz Mato, tramita nestes intres coa Xunta 13 parques eólicos, con outros 14 en proxecto, por máis de 700 MW. 

Adega afirma que empresas eólicas, “nomeadamenrte Greenalia Wind Power SLU”, contaron para os seus proxectos con "axudas informais" da Xunta e mesmo “información privilexiada que só obra en poder da administración”.

A organización ambientalista está a revisar as ducias de proxectos eólicos , entre eles, os 13 que Greenalia Wind Power SLU ten en diferentes fases de tramitación. “Atopamos que o parque eólico "O Cerqueiral", nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, xunto cos veciños parques "Campelo", "Bustelo" e "Monte Toural", tamén de Greenalia, son en realidade o "despece" dunha única instalación que a Xunta tramita por separado, afectando a unha área (a contorna da Lagoa de Alcaián) de enorme valor ecolóxico e coa presenza de endemismos únicos no mundo”.

Este feito, explica Adega, a tramitación por separado do que debería ser un único parque para eludir determinados procedementos, “supón xa unha fraude de lei,”. 

A maiores, engade que na memoria do parque eólico "O Cerqueiral", Greenalia Wind Power SLU menciona como referenzas senllos planos de xestión de dúas especies ameazadas: o da da Centaurea ultreiae, planta endémica en perigo de extinción e o da da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e da gatafornela (Circus cyaneus), dúas especies de aves vulnerábeis.

“Acontece que estes dous documentos de xestión, cuxa redacción e aprobación é obrigatoria por parte da Xunta ao tratarse de especies vulnerábeis, non foron aínda aprobados nin publicados no DOG, polo que non están en vigor”, afirma Adega. 

A organización pregúntase “como é posíbel que unha empresa privada teña acceso para defender os seus intereses á información contida nuns documentos que non son públicos e que recollen valiosos datos científicos sobre especies tan sensíbeis? Como se entende que universidades, concellos, e cidadanía en xeral non poidamos dispoñer da información necesaria para poder contribuir á conservación destas especies e evitar o seu deterioro, mentres que a Consellaría fai un uso espúreo dela? E como é posíbel que os cartos públicos investidos na redacción deses planos beneficien unicamente a unha empresa privada en lugar de incidir positivamente na conservación das especies obxectivo?”