Plataformas e colectivos anuncian en Monfero mobilizacións contra os eólicos

A xornada contou cunha misa "antieólicos" realizada polo cura de Xestoso (Foto: Nós Diario).
A xornada reivindicativa realizada esta cuarta feira pola Plataforma 'Monfero Di Non' contou cunha reunión de varios colectivos que decidiron activar mobilizacións nos vindeiros meses. 

A Plataforma Monfero Di Non reuniu durante toda esta cuarta feira ducias de persoas nunha xornada reivindicativa contra os macroparques eólicos. Desde mediodía e até a medianoite celebrouse na contorna do Mosteiro de Monfero a segunda edición da romaría de San Lourenzo. A plataforma organizadora, Monfero Di Non, reuniu tamén no lugar varias plataformas que anunciaron que preparan mobilizacións “antes das vindeiras eleccións municipais”, segundo fontes consultadas por Nós Diario

A xornada, malia momentos de choiva, contou cunha misa "antieólicos" oficiada polo párroco de Xestoso, Luís Rodríguez Patiño. Pola tarde tiveron lugar varias actuacións musicais e un roteiro guiado polas inmediacións do mosteiro.

No mesmo lugar reuníronse varios colectivos da comarca e movementos sociais da Coruña e Ferrol que finalizaron á medianoite cunha lectura "simbólica do tarot" para tentar descifrar o seu futuro e as súas estratexias futuras en contra dos macroparques eólicos. 

Desde Monfero Di Non lembran que defenden "un sistema de enerxías renovábeis baseado no autoconsumo e na creación de comunidades enerxéticas, un modelo no que a enerxía se produza ao carón de onde vai ser consumida".

Carballo alega contra un proxecto de alta tensión

O Concello de Carballo presentou esta cuarta feira alegacións contra o proxecto dunha liña de alta tensión de 66 quilowatts destinada a evacuar a enerxía xerada polos parques eólicos Monteagudo e Pedra Queimada polo seu impacto ambiental.

Denuncia nun comunicado a "afectación paisaxística" que suporía o proxecto, que prevé a construción dunha liña de case 14 quilómetros polos municipios de Arteixo, A Laracha e Carballo, concello no cal habería un tramo baixo terra de 46 metros e outro aéreo de case dous quilómetros. Así mesmo, advirte que o trazado afecta a zonas de "sensibilidade ambiental máxima" e que se atopa "moi próxima a outras xa existentes".

Alén diso, piden que se avalíe "a posíbel afección sobre os acuíferos da zona e os impactos dos cruzamentos da liña de alta tensión cos ríos existentes no trazado".

Por último, o Concello asegura que o proxecto "incumpre" a Lei galega de prevención e defensa contra os incendios forestais, cunha proposta de distancia duns dous metros para a xestión da biomasa, mentres que a lei obriga a xestionala nunha franxa de cinco metros.