Plataformas e asociacións veciñais responden ao 'Pacto pola enerxía eólica' do PSdeG

Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla) #eólicos #parqueeólico #tarifaeléctrica #electricidade

A través dun comunicado, entidades ecoloxistas e veciñais responden ao Pacto pola Enerxía Eólica presentado polo secretario Xeral do PsdeG, Valetín González Formoso, e asinado por PSdeG, CCOO, UXT, Unións Agrarias, Vento Noso e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais. Exixen unha “implantación ordenada” que “poña as persoas no centro e non o capital”.

Plataformas e asociacións veciñais de afectados polos eólicos, integrantes da coordinadora Aldeas Libres de Macroeólicos, reclaman a través dun comunicado “un pacto xusto, ordenado e que redistribúa a riqueza de xeito efectivo”.

É a reacción ao 'Pacto pola Enerxía Eólica' presentado polo secretario Xeral do PsdeG, Valetín González Formoso e asinado por PSdeG, CCOO, UXT, Unións Agrarias, Vento Noso e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais.

No documento, lembran o artigo 128 da Constitución española no que figura “que toda a riqueza do país nas súas distintas formas e independentemente de cal fora a súa titularidade está subordinada ao interese xeral”. Consideran que “non somos “as e os do Non” e si “as e os que defendemos os intereses colectivos”.

Para os colectivos asinantes “un pacto sectorial no que non participan as afectadas nin as plataformas veciñais carece de lexitimidade social” e, por este motivo solicitan “formar parte dun pacto social sobre un imprantamento ordenado e xusto das renovábeis na nosa terra”.

En relación ás organizacións que apoiaron o 'Pacto pola Enerxía Eólica', sinalan que “teñen unha implantación limitada nas nosas  aldeas como para se poderen entender representativos dos intereses colectivos dos habitantes do rural”.

Críticas polas molestias e as perdas económicas

No mesmo comunicado as organizacións critican que o distanciamento dos aeroxeradores continúa a deixar á veciñanza en posición de vulnerabilidade. Explican que “a Lei Estatal 18/2021 e proxecto de lei de orzamentos xerais da Xunta para o ano 2022 prevén que “a distancia dos aeroxeradores ás de limitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado será a maior destas dúas: 500 metros ou 5 veces a altura total de aeroxerador”.

Por este motivo “para un aeroxerador de 200 metros a distancia a manter con respecto das casas sería de 1 Km”. Aínda así, constatan “a perda de valor de até un 30% das casas e terreos ubicados até a 30 Km do parque, o perigo de accidentes por desprendemento de pezas,  ruído Insoportábel e o ‘efecto discoteca ou parpadeo das sombras das aspas en movemento que caen enriba das casas ocasionando un efecto moi molesto”.

Alén diso, aseguran que “a creación masiva de emprego é unha falacia. Son empregos temporais asociados ao período de construción e moi especializados que non adoitan repercutir nas poboacións locais”. O Plan, denuncian, “contribúe ao despoboamento” e “os cartos da venta da enerxía eólica non repercuten nas comunidades locais”.

“Non se pode condicionar a implantación dun parque a contar co 50% dos contratos voluntarios”, opinan no comunicado, “calquera veciña ou veciño vai estar afectado sexa ou non propietaria ou propietario polo tanto é titular de intereses lexítimos”, engaden. Daquela, exixen “outros instrumentos acaídos para medir o apoio ou rexeitamento social aos novos proxectos eólicos, como pode ser a convocatoria dun referendo”.

Contra “a vía de urxencia”

“A implantación da vía de urxencia que pretenden o Goberno do Estado español e da Xunta na tramitación dos novos proxectos eólicos de competencia estatal e autonómica, respectivamente, vulnera o dereito á información pública”, cren estes colectivos e organizacións.

Aseguran que “a imposición da vía de urxencia impide as avaliacións de impacto ambiental rigorosas que defende o pacto e tamén as do impacto sobre o patrimonio cultural” e que “non hai unha condena clara da fragmentación dos parques, posición que si que foi secundada mediante sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e posteriormente ratificada polo Tribunal Supremo”.

Por último, apuntan que “o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes non ten potestades, por seren competencias estatais ou autonómicas” e “só teñen competencias para esixiren tributos pero non para os estableceren, carecendo polo tanto de iniciativa lexislativa”.