A plataforma contra as verteduras de San Finx convoca unha manifestanción en Compostela para o 29 de abril

Manifestación en Noia contra a mina de San Finx. No centro, a comitiva do BNG encabezada por Ana Pontón. (Foto: Greenpeace Galiza)
A Plataforma comarcal contra as verteduras da Mina de San Finx reiterou nun comunicado o seu compromiso con frear a vertedura dun total de 889.885 metros cúbicos de augas residuais da antiga mina de wolframio e estaño.

A Plataforma comarcal contra as verteduras da Mina de San Finx convocou unha manifestación para o mediodía do próximo sábado 29 de abril en Santiago de Compostela como un novo acto para mostrar a "firme oposición da comarca á autorización de verteduras e augas residuais procedentes da antiga mina de wolframio e estaño á ría de Muros e Noia".

Tras a concentración decorrida na localidade de Noia o pasado 4 de marzo baixo o lema 'Non á mina, si á ría', que reuniu ao redor de 3.000 persoas, a plataforma liderada pola Confraría de Noia volverá mobilizar, esta vez na capital galega, para reclamar á Xunta "que dea marcha atrás" na autorización da vertedura á rede fluvial de augas residuais da antiga mina de San Finx no municipio de Lousame.

A plataforma reiterou nun comunicado o seu compromiso con frear a vertedura dun total de 889.885 metros cúbicos de augas residuais da antiga mina de wolframio e estaño que, segundo aseguran os ecoloxistas, van cargadas con metais pesados como cadmio, cobre ou zinc.

"Dano irreparábel"

Así mesmo, o colectivo alerta de que esta decisión do Executivo galego suporá "un dano irreparábel" á biodiversidade e á riqueza da ría de Muros e Noia, a cal representa "un dos bancos marisqueiros máis importantes do mundo".

Ademais, a plataforma advirte que as consecuencias destas verteduras non só "porán en risco" o futuro de "a xente do mar", senón que "tamén danarán a sectores estratéxicos" para a economía da comarca, como o comercio e a hostalaría local.

Por outra prte, a organización convocante anunciou que porá ao dispor de todos os interesados, así como das súas familias, autobuses para facilitarlles o desprazamento até a manifestación.

Neste sentido, a plataforma adiantou que "nos próximos días" darán máis información tanto dos horarios como do percorrido que farán os autocares polas distintas localidades da ría de Muros e Noia.

Ademais, a Confraría de Noia solicitou que a cidadanía "siga apoiando" a Plataforma comarcal a través da súa páxina web para que "continúen as reivindicacións populares" e os recursos presentados ante a xustiza.