A Xunta súmase, tras dous meses, ao recurso contra o veto á pesca da UE

O Executivo galego poderá intervir no procedemento e defender "directamente" os intereses da frota afectada.
Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre (Foto: Os mares de baixura).
photo_camera Dous mariñeiros recollen redes de pesca de arrastre.

O pasado 9 de febreiro o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicaba o recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) contra o regulamento da Unión Europea que estabelece 87 zonas de veda á pesca de fondo. Case dous meses despois daquel paso, a Xunta informaba esta quinta feira de que esta semana presentaba ante o Tribunal Xeral da Unión Europea a demanda de intervención da Administración galega como parte coadxuvante no recurso presentado polaOPP-7.

Segundo explican nun comunicado, se o tribunal acepta a participación como parte coadxuvante, o Executivo galego poderá intervir no procedemento e defender "directamente" os intereses da frota afectada.

O Executivo presidido por Alfonso Rueda anunciou o pasado mes de decembro que ía sumarse como parte coadxuvante —para intervir no proceso nunha posición subordinada á parte principal— no recurso da asociación pesqueira, despois de desbotar a presentación dun recurso propio.

Nos 100 primeiros días de vixencia desta veto, que empezou  o 9 de outubro, as capturas totais da frota afectada descenderon 22%, unha caída que en moitos casos chegou a 50%, segundo datos da Xunta da Galiza.

Comentarios