Denuncian perante o Seprona o baleirado da lagoa na canteira de Casalonga

[Imaxe: Adega] Lagoa da canteira de Casalonga
A asociación ecoloxista Adega denunciou esta terza feira, día 22, perante o Seprona as operacións de baleirado detectadas na lagoa da canteira de Casalonga (Teo) e pediu a súa paralización inmediata, ao carecer de autorización. Tamén desde a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos alertaron nesta xornada dos traballos.

O Seprona e Augas de Galiza achegáronse nesta terza feira, día 22, ata a canteira, ante os avisos pola operación de baleirado, da que Adega urxe a paralización inmediata. Segundo advirte, a restauración da canteira de Casalonga recentemente pasaron por un procedemento de participación pública e avaliación ambiental, sen que polo de agora conste que se teña respolto pola Administración". Como tamén fai notar, os traballos realízanse “con bombeo e vertedura libre –sen revisión e tratamento– de miles de metros cúbicos de auga cara ao exterior da lagoa e pendente abaixo, ocupando en parte as gabias da estrada que cruza a canteira”. A plataforma cívica de Casalonga, que estuda xa posíbeis accións á vista dos últimos movementos, alerta ademais da “irregularidade de usar unha maquinaria que excede a limitación de 4,5 toneladas da pista”. "A xente está moi alarmada, non sabemos como poden encaixar estas actuacións sen un plan de restauración aprobado e sen as cousas en regra", manifesta a súa portavoz, Norma Pillado, quen advirte da gravidade dos feitos: "Non hai volta atrás. Se a lagoa seca, pérdese a súa biodiversidade".

A entidade ecoloxista expón que a existencia deste hábitat, no interior da canteira, é froito do abandono da actividade hai anos, que permitiu unha recuperación natural espontánea que deu lugar ao anegamento dos principais ocos da canteira; neles xurdiron unhas lagoas artificiais poboadas de fauna e vexetación de ribeira. “Hoxe en día estas lagoas supoñen a mellor expresión dun proceso de restauración ambiental, e de feito existen múltiples experiencias de rexeneración de canteiras que empregan esta técnica”, observa Adega, que considera “moi grave” o baleirado que se está iniciando, co impacto que pode ter nos acuíferos superficiais e subterráneas nesta microcunca pertencente á bacía do Sar, por medio de varios canais de drenaxe.

Para a asociación, a operación de baleirado “vén motivada para que a empresa, sen contar aínda con autorización para facelo, elimine posibles trabas administrativas coas que poder así acadar o obxectivo de realizar unha suposta operación de ‘restauración ambiental’ co depósito de até 10 millóns de metros cúbicos de residuos de construción e tecnosolos-lodos, que supón de feito o verdadeiro modelo de negocio da intervención”. Fronte a esta situación, reclama que este espazo sexa restaurado “conforme a solución ambiental que proporciona a actual situación de rexeneración natural, conservando as lagoas”,e pide a mellora das súas condicións coma espazo natural de interese e ocio, ademais da prohibición do uso de residuos como material externo para acometer tarefas de recheo.